Imagen:

«Xa o di a canción: mentres oias soar unha gaita o país existe»

O seu fundador, Pepe Romero, fixo un repaso dos 26 anos que leva formando a novos músicos barbanceses


Máis dun cuarto de século. Ese é o tempo que a Escola de Música Tradicional de Porto do Son leva sendo un estandarte do rescate deste xénero, mais non só nesa vila costeira, senón para toda a Barbanza. Na actualidade, a matrícula desta escola segue aberta a todo aquel que desexe empuñar un instrumento tradicional e continuar co seu legado sonoro.

Na comarca Pepe Romero é sinónimo de forxador de músicos. Primeiro en Ribeira e anos máis tarde neste concello veciño, onde dentro do marco da Escola Municipal de Música de Porto do Son fundou en 1991 este apartado, que dirixe dende entón. A razón foi a petición dun dos seus alumnos por aquel entón [Xosé Luís Groveiro] para que non se extinguise en Ribeira.

Fundación da banda

A creación desa sección viría aparellada da formación da banda Suevia tres anos máis tarde. Dende o comezo, Romero identificou ese nacemento co «fin último da escola, a súa razón de ser».

Mais este conxunto non se asemella aos clásicos cuartetos tradicionais ao uso. Destaca pola súa gran riqueza na instrumentación, contando con piano eléctrico, acordeón ou outras belezas, como unha frauta irlandesa. Sen desprazarse da gaita e da percusión posúe un carácter concertante, é dicir, para ser escoitada.

«Suevia naceu con 25 membros e agora conta con 17. Trátase dunha formación mixta, tan só hai tres rapaces, pero a maioría é xente moza», explicou o seu director e integrante á vez que afirmou que non todos os que pasaron pola escola chegaron a participar nela. Outros seguiron os seus propios proxectos. Un caso similar foi o de José Piñeiro, un artesán e luthier que acabou montando o Taller Nebra, tras fundar con Romero a escola.

Chamada a filas

A Escola de Música Tradicional de Porto do Son non se quedou queda no tempo. «O ano pasado habilitouse un curso de pandeireta e de canto tradicionais dentro da escola», comentou o encargado da batuta desa incorporación que leva outra profesional da música.

Tampouco se pode dicir que este centro sexa un conservatorio ríxido, xa que aceptan a alumnos que queiran achegarse só a probar ou que desexen tentalo con Suevia, se contan coas nocións axeitadas.

«A idade de partida é de oito anos, xa que é o pedagoxicamente aceptado para que un rapaz comece», apuntou o mestre de gaiteiros do único requisito para entrar na escola a tocar un instrumento. Dentro desta hai unha materia común que é a linguaxe musical, xa que todos os alumnos aprenden a ler unha partitura, independentemente de que cursen vento ou percusión.

Ollada ao futuro

«A importancia desta escola é a de estar viva. Xa o di a canción: mentres oias soar unha gaita o país existe». Con esa sentenza resumía Pepe Romero a necesidade de que esta escola continúe medrando no tempo. Para el, sen a súa existencia non terían tido lugar cada recital e concerto dos mozos ou os tres discos de Suevia que foron cociñados nos coruñeses Estudios Mans.

Quizais a única pregunta que non foi capaz de contestar é o número exacto de persoas que pasaron polas súas aulas. Pero a veces un silencio serve de interludio para o mellor dos triunfos.

403 Forbidden

Forbidden

You don't have permission to access /votacion/pixel_votos_responsive.php on this server.


Apache/2.2.22 (Debian) Server at www.lavozdegalicia.es Port 80
Etiquetas
Comarca do Barbanza Porto do Son Ribeira