Pedro García Vidal: «Púxenme como obxectivo facer unha historia urbana da ría de Muros e Noia»

M. Gómez / A. Novo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O último libro do profesor noiés afonda na transformación da paisaxe ata 1950

14 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Barbantia adianta a súa cita mensual por mor das festas do Nadal, así que este venres a asociación cultural levará a cabo na casa de cultura noiesa unha nova presentación. Desta volta, o convidado é o historiador Pedro García Vidal, que falará do libro Noia e Muros. Paisaxes urbanas de séculos. Dende as orixes ata 1950. O autor pasou polos micrófonos de Radio Voz Barbanza para ofrecer un pequeno adianto dunha obra que, se todo marcha como se espera, terá unha segunda parte.

-¿Cal é o punto de partida do libro que presentará o venres?

-Este libro constitúe a primeira parte da miña tese de doutoramento, que levaba por título A Paisaxe urbana e a súa evolución na ría de Muros e Noia a través dos seus principais asentamentos. Esta é a primeira parte, que abrangue desde os inicios ata 1950, e despois, se esta resulta, publicarase a segunda. Isto vén sendo o resultado final dun dilatado proceso de investigación que se iniciou coa miña tesina de licenciatura sobre a xeografía urbana de Noia e a súa área de influencia, que se publicou como libro alá polo 1988.

-Leva, xa que logo, moito tempo investigando sobre este asunto...

-Desde que fixen a tesina de licenciatura foi un tema que me interesou e púxenme como obxectivo facer unha historia urbana.

-¿Cal é o propósito deste primeiro volume?

-A miña intención é documentar os cambios na paisaxe urbana que se produciron na ría de Muros e Noia dende o seu nacemento, alá por mediados do século XII, ata o momento actual, sobre todo facendo fincapé naqueles acontecementos da evolución que tiveron unha especial transcendencia na imaxe actual das entidades urbanas, ese é o obxectivo principal. O estudo abarca o período desde a aparición de Noia e Muros como uns pequenos establecementos pesqueiros ata a aprobación dos planeamentos urbanísticos que van marcar un antes e un despois nesas vilas atlánticas.

-¿Onde está a orixe destas vilas?

-A segunda metade so século XII supón para Galicia o nacemento das cidades. Nese momento é no que se pacifica un pouco a costa e xa empezaba a non ser perigoso vivir por culpa dos viquingos e musulmáns que asolaban o litoral galego, e os reis teñen un interese especial por controlar eses territorios porque son unha fonte importante de ingresos. O que van a facer é crear unha serie de poboacións que comezan en Padrón, en 1164, logo Noia (1168), Pontevedra, e así sucesivamente, Tui, Baiona, Ribadeo, Viveiro, A Coruña, Muros... Todo iso vai crear a primeira rede urbana existente en Galicia e por tanto esas cidades van ter unha importancia fundamental na historia, e Muros e Noia serán decisivas posto que, xunto con Pontevedra, foron as localidades urbanas máis importantes ata avanzada a idade moderna.

-¿Que momentos clave da transformación de Muros e Noia recolle esta obra?

-Basicamente son dous. O nacemento da cidade medieval, cas trazas característicos que a distinguen, por exemplo o seu emprazamento, como se vai desenvolvendo a morfoloxía e o entramado urbano, como se van creando as rúas e as prazas. Un elemento fundamental desas vilas é a muralla. Ese proceso vai ser moi importante para comprender a forma e a estrutura que teñen hoxe. Posteriormente, a chegada da industrialización supón o nacemento dunha nova cidade, unha vila burguesa que responde a uns novos intereses económicos, sociais, políticos e de todo tipo e que vai transformar a cidade medieval.

-¿E a segunda parte?

-Hai que agardar a ver como funciona o primeiro libro, pero a segunda parte comprendería a transformación que van sufrir unhas vilas que ata 1950 mantivéronse basicamente nos lindes da cidade medieval, a transformación burguesa non é expansiva. Porén, a partir de 1950 unha serie de causas van transformar ese crecemento racional. Prodúcese o desarrollismo, vai empezar a emigración en masa a Europa, a xente do rural comeza a querer vivir nos espazos urbanos, e as cidades acollen unha poboación de aluvión á que hai que darlle vivenda moi rápido. Prodúcese entón a desfeita dos recintos históricos de Noia e Muros, que, afortunadamente, non foi tan intensa como en outros lugares, pero que si afectou grandemente a esas paisaxes. Ese é o período que eu trato na segunda parte, o crecemento a partir de 1950, como se fan os ensanches, unha vila completamente distinta á que ata ese momento era unha cidade con certa racionalidade. Ata que por fin xa, no momento máis actual, se empeza a falar de planificación.