Cotarelos, Cótaros e Cotros

ROCÍO DOURADO

BARBANZA

28 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

(O) Cotarelo (Porto do Son) deriva do substantivo coto «elevación de pouca altura» (castelán e asturiano cueto) restrinxido hoxe exclusivamente ao norte da Península Ibérica. A este étimo engadíuselle o sufixo hispánico prelatino -aro / -ara, de onde xorde a forma Cótaro e a variante sincopada Cotro (Muros, Porto do Son e Ribeira) e, posteriormente, o sufixo diminutivo latino -ellus. Coromines relacionábao cunha voz expresiva *kott- que designaría un golpe, posteriormente a parte do corpo coa que se golpea (o cotobelo) e, por unha extensión semántica de tipo metafórico, unha altura xeográfica comparábel a esa parte do corpo. A súa distribución é significativa xa que a forma Cotarelo predomina nas provincias do norte, fundamentalmente na de Lugo. Cótaro está presente case exclusivamente nas provincias orientais, na Pobra de Trives principalmente, e Cotro restrínxese ás provincias occidentais (especialmente en Tomiño e a Barbanza).