Libros e gustos

Francisco Antonio Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

25 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

MATALOBOS

Non todos os compradores de libros son lectores nin todo o que gardamos nos andeis cumpre cos nosos gustos, pois os libros non sempre se compran por interese, senón tamén por curiosidade. E aínda a máis sabemos que non todos os best sellers que devoramos son obras de calidade nin todas as obras de calidade teñen éxito, e é que nisto da compra de libros ademais dos gustos e a curiosidade tamén entra o coleccionismo.

Sorprendeume en certa ocasión unha entrevista coa especialista en literatura infantil e xuvenil de «The Guardian», Julia Eccleshare, dicindo que J. K. Rowling, a autora de Harry Potter, non ten un bo estilo literario. Outra proba máis de que os gustos da maioría non sempre son compartidos. E é que, máis ca iso de que cada libro é un mundo, diría que cada lector (ou comprador) é un mundo.

Hai un tempo, un envexoso por natureza, ó pasar por diante dunha libraría criticábame a un escritor que tiña unha longa ringleira de mozas agardando para que lles asinase a súa última novela, dicíndome que aquel asinaba moito pero non o lía ninguén. E pode ser que así fose, porque os libros moitas veces tamén se mercan para presumir de sinatura. Eu mesmo teño algún dedicado e incluso con carta autógrafa incluída, así como outros que merquei máis polos gravados que encerra ca polo texto que o ilustra. Pero tamén, entre as curiosidades que gardo, sempre cito o libro dun cura coñecido meu que presume de historiador, e lle ten prohibido ós gaiteiros tocar o himno de Galicia durante a consagración nas festas patronais, quen, escribindo sobre a Guerra Civil, condena ós paseados e fusilados republicanos da súa parroquia, con nome e apelidos, por ser contrarios á fe de Cristo.

Vén todo isto a conto porque, na pasada feira do libro de Lisboa, non había expositor que non tivese o libro de Hitler Mein Kampf, tanto así que se esgotaron dúas edicións durante a mesma e xa se preparou a terceira, o que fixo que a editorial medrase moi por encima das súas perspectivas comerciais, pero, ¿significa isto que o interese por tal libro é parello ó avance do nazismo?. Agardo que non. E agárdoo a pesar das múltiples manifestacións de arroutados que estamos vivindo nos arredores dos campos de fútbol.

É de supoñer que este interese polo libro de Hitler, do que os especialistas din que nin sequera está ben escrito, vén dado por ser un libro prohibido desde o final da Segunda Guerra Mundial ata agora, cando, ó entrar no dominio público atrae a curiosidade. E agardemos que só sexa iso, unha simple curiosidade pasaxeira, porque ademais, tamén din os entendidos que non ten boa retórica para atraer adeptos, o cal non é máis ca un problema menor, porque entendemos que os adeptos de tales ideoloxías non son precisamente lectores de nada, que se mercan o tal libro non é para lelo senón para lucilo. Os seareiros da barbarie son adictos ó discurso exaltado e nunca á lectura sosegada, co lapis, o caderno de notas e o dicionario ó lado.