Necesidades de artista

Francisco Ant. Vidal
francisco ant. vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

21 may 2016 . Actualizado a las 12:00 h.

O retrato que todos temos en mente de Leonardo da Vinci é o dunha persoa tranquila, pacífica e humilde, e sen negarlle a bonhomía, recoñecemos que esa apreciación só é válida se fose certo iso de que a cara é o espello da alma. Tamén creo que se vivise neste tempo, sería antibelicista e antitaurino entre outras moitas cousas. Pero un artista, por moi xenial e ideal que sexa, tamén é humano, con todas as súas necesidades biolóxicas.

Claro que, o que realmente fixo famoso a Leonardo foi a sensibilidade pictórica, non hai máis que ver o imposible que é contemplar a Mona Lisa no Louvre de París, sempre agochada tras unha cortina de aparellos de fabricación asiática, pero hoxe, recén lido un texto sobre aeronáutica, o que nos atrae son os seus deseños de enxeñería, eses debuxos perfectos na forma e no detalle que xa quixeran para si moitos delineantes, aínda que na maioría dos casos non funcionaron nunca.

Con todo, eses deseños serviron para abrir expectativas de cara a cando a tecnoloxía fose adecuada, e a variedade é tal, que ben lle valeu o título de xenio do Renacemento, ideando canóns montados en círculo, de maneira que mentres uns disparaban os outros podían ser cargados para que aquela especie de metralleta non deixase de bombardear, as coñecidas ás delta que o posible usuario manexaba tal que fosen ás de pomba, o prototipo de helicóptero con hélice helicoidal, ou un modelo de traxe de mergullador, cos correspondentes sacos de aire para respirar. Pero o máis sorprendente destes enxeños era o seu destino bélico, precisamente nun home que tiña máis cartas pacifistas ca guerreiras. Incluso o deseño daquel traxe de buzo estaba pensado para a sabotaxe de naves inimigas, e non para pescar ou mariscar.

Daquela, sendo el exemplo de humanismo, ¿por que perdía o tempo con estes inventos? Pois simplemente polo pan seu de cada día, porque as súas necesidades vitais eran como as de calquera outro mortal, listo ou parvo, rico ou pobre. De feito consérvanse cartas nas que lle ofrece a algún nobre os seus servizos de enxeñería. Porque na Italia do século XV, non só se levaban mal os Montescos e os Capuletos, tamén nas pequenas nacións estado de Venecia, Florencia ou Xénova, con toda a carga comercial que movían, eran frecuentes as guerras, entre eles e contra calquera que impedise o paso dos seus barcos ou das embaixadas comerciais cara Asia; e ata os mesmos papas de Roma, ademais de sotanas e dalmáticas, tiñan no seu roupeiro unha armadura preparada para saír ó campo de batalla a limitar a opresión dos terratenentes veciños.

E a Leonardo, con tales instrumentos como carta de presentación, éralle máis doado abrir as portas dos belicosos pazos, e de paso, mentres dirixía a construción de carros de combate, catapultas ou arietes de asalto, podía gañar o seu pasaporte á posterioridade pintando, pero, sobre todo, podía ter un teito baixo o que acubillarse e un prato de caldo para contentar o estómago. Así de dura é a vida.