«A forma de conseguir avances non pode ser outra que a base de insistir»

Antón parada

BARBANZA

Luis Carlos Paz no interior do local de A Unión, ubicado no centro social de Cabo de Cruz.
Luis Carlos Paz no interior do local de A Unión, ubicado no centro social de Cabo de Cruz. marcos creo< / span>

A agrupación de Cabo de Cruz impulsou melloras e a realización de proxectos na localidade

19 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Luís Carlos Paz Martínez (Ribeira, 1963) non sabía que no momento en que casaba coa súa muller non o facía só con ela. Tamén se estaba a comprometer con Cabo de Cruz, onde vive dende 1989. Ao pouco de chegar xa se introducía na directiva da Asociación de Veciños A Unión, que preside dende hai tres anos. Esta agrupación fundada por Severino Abalo arrastra xa catro décadas preocupándose polas condicións de vida dos habitantes crucenses.

-¿De cantos membros consta a asociación? ¿Onde traballan e atenden aos veciños?

-Actualmente somos 300 socios. Antes tiñamos unha oficina, pero agora a sede da asociación está situada na segunda planta do centro social. Alí recibimos as queixas e peticións dos cidadáns.

-¿Cales son as metas ou obxectivos que se marcaron?

-O que máis nos inquieta é que se manteñan os servizos para os veciños día a día. Cabo de Cruz xa conta cunha excelente comisión de festas, nós preocupámonos por outros ámbitos, como que exista un correcto saneamento, que os farois funcionen ou que non se prolonguen os danos nos espazos públicos.

-¿En que se basea a actividade?

-A forma de conseguir avances non pode ser outra que a base de insistir. A xente tiña ganas de que se arranxaran moitas cousas e nós trasladamos as súas opinións aos políticos e ao equipo de goberno. Pero hai que ser razoables co que se pide, somos conscientes de como están as cousas e de que o Concello non xestiona só Cabo de Cruz. Sen embargo, non nos dedicamos só ás obras.

-¿Cales son os principais logros que realizaron directa ou indirectamente?

-Había roturas constantes das conducións de augas e conseguimos que se repuxera a canalización. Tamén demos conta do mal estado das rúas e do casco antigo, que agora foron arranxadas. Mediante as negociacións coa empresa de autobuses logramos que se habilitase unha liña directa ao hospital do Barbanza. Tamén temos dous novos parques infantís. Colaboramos cos maiores e con quen o precise, axudándolles a xestionar citas médicas ou trámites administrativos, algo que é moi agradecido por parte dos veciños.

-¿Que suporá a renovación das fachadas e do paseo marítimo?

-Repercutirá no turismo potenciando ao náutico, pero principalmente na xente do pobo. Non se trata só do feísmo e das fachadas, trátase do contorno de ocio que creas. Significa que se construirá un lugar onde pasear ou onde poder sentarse a conversar.

-¿Cales son as principais carencias ou problemas detectados?

-Temos recolleita de queixas a diario e non baixamos nunca a garda. Estamos pendentes da renovación das luminarias oxidadas na praia da Ribeira Grande e do traslado do mobiliario do parque biosaudable ao de Subuqueiro para conseguir un maior uso. Imos solicitar que se mude o peche de malla metálica dalgunhas obras sen rematar por pranchas de galvanizado. Por último, queremos conseguirlle aos xubilados un carné gratis para o transporte público.

-¿Tamén tocan a área cultural?

-A verdade é que organizamos unha festa de Nadal dirixida aos cativos. Lévase celebrando na lonxa oito anos seguidos e reúne a inchables e contacontos para divertir aos nenos durante unhas catro horas. Ademais, dende o ano pasado participamos con outras asociacións na festa de entroido en Boiro, aportando produtos típicos de carnavais.

Luís Carlos Paz Martínez é presidente da Asociación de Veciños A Unión de Cabo de Cruz