«Non podes dicir que non se arranxa unha focha e facer unha piscina»

Francisco Brea
Fran brea RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Considera que non é o momento axeitado de realizar grandes obras

16 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Luis Oujo afronta una situación nova. Tras un mandato que rematou con máis edís dos grupos da oposición, agora vese coa maioría absoluta no salón de plenos. Aínda así o alcalde de Porto do Son asegura que a súa vontade é chegar a acordos co resto de partidos políticos que forman a corporación. Entre os proxectos prioritarios para o desenvolvemento da localidade, Oujo ten claro que a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal é fundamental.

-¿Como afronta o inicio deste mandato no que gobernará coa maioría absoluta?

-Con moita máis responsabilidade e con máis traballo porque non quero que ninguén pense que vamos a pasar o rodillo como se di, ao contrario, a nosa intención é chegar a acordos coa oposición. Estamos dispostos a colaborar polo ben dos veciños, as portas están abertas xa que todos navegamos no mesmo barco. Eu tamén agardo que esa colaboración que ofrecemos á oposición sexa correspondida.

-Contou cun gran apoio da veciñanza. Demóstrase coa súa vitoria en todas as parroquias, ¿considera que isto é sinónimo de que fixeron un bo traballo no rural?

-Ese recoñecemento é unha satisfacción despois do traballo feito durante os últimos catro anos. Estivemos ao lado dos veciños, fixemos reunións nas parroquias e decidimos con eles as obras que eran máis importantes. Ese apoio agora temos que correspondelo e temos que estar á altura.

-Na campaña electoral prometeu traballo e máis traballo, ¿referíase a vostede ou á necesidade de crear emprego?

-Unha cousa vai coa outra. Nós temos que traballar en todas as áreas: turismo, comercio, hostalería, sector pesqueiro.... O emprego o teñen que crear as empresas, e nós temos que apoialas e facer todo o que estea nas nosas mans para que o consigan.

-¿Para elo séguese loitando na creación dun polígono industrial por exemplo?

-Conseguir un parque empresarial vai en paralelo coa aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal, que é o que marca onde se vai a instalar. Esperemos que haxa demanda empresarial, porque non vamos a facer un parque para que estea abandonado. Hai dispostos 300.000 metros cadrados, pero a nosa intención é ir creándoo por fases segundo a demanda.

-Fala dun parque empresarial, non dun polígono industrial, ¿por algún motivo?

-Porque nós queremos un parque empresarial, non un polígono industrial. Non pensamos nun primeiro momento nun gran polígono que albergue industria, senón mais ben que estea dirixido a empresas máis pequenas.

-¿Canto pode tardar entón en ser unha realidade?

-O solo xa está delimitado, haberá que agardar a que a economía mellore. O Instituto Galego de Vivenda e Solo obriga a todo empresario que queira instalarse en chan industrial a poñer un aval de un euro por metro cadrado que vaia a utilizar, para que a reserva sexa fundada. Cando haxa xente interesada falaremos coa Xunta, aínda que tamén estamos abertos a que unha iniciativa privada o poña en marcha.

-A creación de emprego tamén axudaría a fixar poboación.

-Claro, a xente non marcha se ten traballo. Pero tamén é certo que a xente que traballa noutras localidades próximas non se mudaría se puidera facer a súa casa nos terreos familiares. Somos un pobo que nos gusta ter unha vivenda coa súa horta máis ca un piso.

-Para conseguir iso manifestou fai pouco tempo que non se debe limitar a construción de casas cara o mar, ¿por que?

-Somos un concello singular, con 30 quilómetros de costa e cunha poboación asentada entorno á estrada. Agora os núcleos son pequenos pero queremos que crezan pouco a pouco. Construír unha vivenda a cinco ou dez metros de outra non considero que sexa edificar cara o mar. Estamos falando coa Xunta para facerllo ver. Aínda así co plan xeral buscamos reagrupar casas porque levar servizos a vivendas illadas ten un custe que igual non amortizas nunca.

-¿Ese plan xeral ao que xa se referiu en varias ocasións cando se prevé que estea aprobado?

-A nosa intención é que se aprobe en pleno antes de que conclúa o ano. Para nós é fundamental iso e que o 1 de xaneiro entren en vigor os orzamentos de 2016 para saber o que temos e o que podemos facer.

-¿Que suporá para Porto do Son a súa aprobación?

-O plan xeral supón seguridade e coida a singularidade do noso concello porque o que se faga cando estea aprobado será dun xeito ordenado. Tamén dota de seguridade xurídica a quen decida investir aquí. Facilita a concesión de licenzas xa que o Concello estará autorizado despois de que as diferentes administracións informaran favorablemente o documento. Ademais indica onde están as depuradoras, os colectores ou toda a rede de saneamento, cousas que antes non se tiñan claras agora saberanse.

-O saneamento é outra cuestión que considera prioritaria, ¿a día de hoxe canto territorio abarca a rede?

-Cando se remate a ampliación que se está facendo en Baroña chegará ao 90 % do concello. Un dos nosos compromisos cos veciños é que ao final deste mandato todo o municipio estea saneado.

-Antes das eleccións dixo que non ía prometer a execución de grandes obras nin proxectos, ¿non é o momento para elo?

-Agora é o momento do sentido común. Durante estes catro anos que pasaron puidemos comprobar que os veciños valoran máis as cousas pequenas que lle afectan na súa vida diaria que as grandes obras. É máis, non chas permiten se antes non solucionaches eses problemas cotiás como ter o acceso á súa parroquia en boas condicións, que a recollida do lixo se faga de forma periódica ou que a rede de saneamento chegue as súas vivendas. Non podes dicir que non se arranxa unha focha e facer unha piscina namentres.

Luis Oujo alcalde de porto do son

«Non quero que ninguén pense que vamos a pasar o rodillo como se di, ao contrario»

«O plan xeral supón seguridade e coida a singularidade do noso concello»