«Interesábame transmitir o lado humano do destino»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Por encargo da mancomunidade, recompilou as testemuñas de catorce veciños de Arousa norte vinculados ao mar

02 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un par de semanas, Arousa Norte presentaba en Santiago Alma de mar, un vídeo que a través de catorce testemuñas de xente relacionada co mar tenta amosar os encantos de Barbanza para atraer turistas. O autor deste traballo audiovisual é o boirense Pablo Chouza.

-¿Como xorde a elaboración deste vídeo?

-Arousa Norte convocou un concurso público para realizar un traballo que difundira o patrimonio pesqueiro da comarca. Eu, como era un proxecto enfocado a Internet, decidín facer pequenas pezas, porque creo que son máis idóneas para a difusión a través da Rede.

-¿Como seleccionou aos 14 protagonistas de Alma de mar?

-Foi un traballo en común coa xente da mancomunidade. Buscabamos diversidade de persoas, tanto de sexo como de idade, pero tamén de localización xeográfica, de profesión e de rango social. De aí que apareza un deseñador como é Juancho Ares e unha bateeira como Dolores Gómez.

-¿Houbo algo que lle chamara especialmente a atención durante o contacto que mantivo con estas persoas?

-Se tivera que destacar unha historia, elixiría a de Félix, un mariñeiro de Cabo de Cruz que me falou de dous naufraxios que sufriu coa súa pequena embarcación. Impactoume, porque iso pasou ao lado da miña casa e eu non tiña nin idea.

-¿Que tenta transmitir con este traballo?

-A humanidade do mar en todos os seus aspectos, desde a cultura ao traballo, pasando pola relación que existe entre a ría e a xente que vivimos en Arousa norte. O que nos interesaba reflectir no vídeo eran os detalles de cada persoa na súa vida diaria.

-¿Considera que esta é unha boa forma de promocionar a comarca?

-Creo que o tema da publicidade e da promoción dos destinos turísticos está tan revolto que, ao final, o que nos interesa é a xente, que haxa un bo trato, que as persoas sexan especiais. Interesábame transmitir o lado humano do destino.

-¿Como valora o traballo que está a levar a cabo a mancomunidade?

-Desde o meu punto de vista, sen coñecer as estatísticas de visitantes, que é o que realmente importa nunha empresa, penso que a mancomunidade ten iniciativas brutais. O persoal está sempre buscando a forma de renovarse, de non quedar estancados. Todo o mundo sabe que en Barbanza se pode comer marisco e ir en barco, pero as rutas literarias e as sensitivas son as que lle poden dar renome ao destino a nivel nacional e internacional.

-¿Cal é o destino do vídeo Alma de mar?

-A serie de vídeos que compoñen Alma de mar fíxose en distintos formatos, desde copias de deuvedé que se van distribuír a través das oficinas de turismo ata a difusión a través da páxina web e do Facebook da mancomunidade. A miña intención é seguir difundíndoo, como mínimo, un ano, para tratar de conseguir visitas. Tamén teño en mente tratar de situalo en algún festival de publicidade.

pablo chouza autor do vídeo «alma de mar»