O curso da USC achegouse a Castelao a través da muller e dos debuxos de negros

Ribeira / La Voz

BARBANZA

CEDIDA

30 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Na xornada de onte continuou en Rianxo o curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Ó redor de Castelao. As conferencias e coloquios que se incluíron no programa da segunda xornada desta actividade tiveron como protagonistas a varios expertos que trazaron a figura do intelectual rianxeiro a través da presenza da muller na súa obra e dos debuxos de negros.

A primeira hora, o catedrático de Antropoloxía Marcial Gondar expuxo un estudo sobre a maneira de ser do home galego e como o retratou Castelao, para dar paso a continuación a Encarna Otero, que estableceu unha relación entre os debuxos do rianxeiro e a figura da muller, facendo unha análise de como adiviñou algúns progresos que logo experimentou o feminismo.

Na sesión vespertina chegou o momento de afondar no Castelao artista arredor dos seus debuxos de negros, non tan divulgados coma outras escenas, pero igualmente interesantes. Miguel Anxo Seixas foi o moderador dunha mesa redonda na que participaron Amancio Liñares, David Otero e Anxo Tarrío.

Para rematar a xornada, os asistentes ao curso embarcaron nun percorrido pola ría entre Rianxo e Vilagarcía no que seguiron as antigas liñas de transporte que utilizou Castelao para cruzar Arousa.