«A decoración de tellas implica unha gran dose de imaxinación»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

DANI GESTOSO

Leva seis meses pintando e xa ten medio cento de obras

05 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Un mar de tellas é o título da exposición que, desde o pasado fin de semana, pode verse no centro social de Cabo de Cruz. Trátase de medio cento de obras que foron decoradas por un veciño da localidade, Juan José Farto, Chicho. Aínda que hai só seis meses que se iniciou nesta arte, o boirense decidiu compartir cos seus veciños a que se converteu na súa gran paixón.

-¿Como empezou a decorar tellas?

-A raíz dunha enfermidade e da conseguinte baixa laboral tiña moito tempo libre e a miña muller animoume a facer isto. A verdade é que sempre me gustaron as manualidades.

-¿Amosa toda a súa colección no centro social ou ten máis pezas decoradas?

-Regalei algunha pero, as 43 tellas que están expostas no centro social son a colección que conseguín reunir nos seis meses que levo facendo isto.

-¿Cales son os seus temas preferidos á hora de coller o pincel?

-Empecei con paisaxes e estampas típicas de Galicia como mariñas ou escenas de gaiteiros pero, pouco a pouco, acabei facendo de todo. Teño tellas de superheroes, unha coa estatua da Liberdade e outra con Colón, por exemplo. As primeiras están só pintadas, pero agora tamén as fago en relevo.

-¿É un proceso complicado?

-No meu caso, leva tempo porque emprego tellas centenarias, o que me obriga a limpalas. Logo hai que darlle un fixador e xa se poden pintar. O relevo faise a partir de pasta manexable.

-¿Que fai falla para chegar a ter unha colección como a súa?

-A decoración de tellas implica unha gran dose de imaxinación. Eu teño pasado moitas noites sen durmir, porque mentres traballo nunha peza xa estou pensando na seguinte.

-¿Dedícalle entón moitas horas ao día a esta afección?

-Unhas catro horas ao día, mentres a miña muller vai traballar. Recoñezo que atopei na decoración de tellas a miña gran paixón. Sempre quixen facer algo así, pero faltábame o tempo.

-¿Como se animou a montar esta exposición?

-Foi un amigo meu o que me comentou a posibilidade de amosar as miñas obras e decidín facerlle caso. Foi así como empezou Un mar de tellas, pois a forma destas pezas semella as ondas mariñas.

-¿Está satisfeito coa decisión de amosar a súa obra?

-Pois si, estou moi satisfeito coa experiencia, pois o día da inauguración xuntáronse no centro social un bo número de amigos e familiares. Non esperaba que gustara tanto a exposición. Agora, o que me gustaría é que tivera éxito, que viñera xente a vela. Iso daríame ánimo para seguir.

-Se tivera que quedarse con unha tella de todas as que decorou ata o de agora, ¿cal elixiría?

-Gústanme todas, pero recoñezo que hai unha de Drácula que é a miña preferida. Eu fago un pouco de todo. Cando me ven á cabeza unha idea, vou a Internet e saco a imaxe que despois plasmo na tella.