Máis compromiso pola cultura

Ramón Ares Noal
X. NOAL RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

SIMÓN BALVÍS

Barbantia e La Voz apostan por seguir proxectando aos creadores

02 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A Asociación Cultural Barbantia e La Voz de Galicia volveron facer público o seu compromiso de seguir proxectando a labor dos creadores barbanceses. O compromiso pola cultura foi referendado na presentación do terceiro recompilatorio de A Voz de Barbantia, que tivo lugar en Outes a noite do venres e que chegará aos lectores proximamente xunto co xornal La Voz de Galicia.

Os responsables do suplemento que cada último venres de mes se presenta na comarca, agás en xullo e agosto, explicaron aos presentes as vicisitudes que viven para chegar ao compromiso fiel cós lectores, de como, a pesares das exhaustivas revisións, sempre actúan os trasnos da imprenta para que algo acabe esquivando os controis de coordinadores e correctores. E como mostra de que esa circunstancia ocorre a miúdo os asistentes puideron ver no suplemento número 79, que se repartiu no acto, como en vez de identificar á lectora deste mes como Lucía Romaní apareceu como Rocío Romaní.

Falan os mortos

Pero como Barbantia semella ser unha entidade con capacidade incluso para que falen os mortos, como sucedeu co Convidado deste mes, o cura Francisco Lorenzo Mariño, ou con persoeiros como García Bayón, Fernández Mato ou Rei Romero, os erros teñen unha segunda oportunidade para ser reparados: nos recompilatorios como o que se presentou antonte.

Nas intervencións evidenciouse que A Voz de Barbantia é unha iniciativa inédita na prensa comarcal por estar feito integramente en galego.

A vocación tanto de Barbantia como de La Voz de Galicia de proxectar as creacións artísticas da zona volveu a poñerse de manifesto na cita da casa de cultura da Serra, xa que, ademais da publicación do libro cos 25 suplementos comprendidos entre o 51 e o 75, compareceu o poeta Paulino Vázquez para presentar o libro Tonas de laranxa, obra de Manuel e María Lorenzo, pai e filla, sobriña e irmán do finado Eusebio Lorenzo Baleirón, todos eles de Laíño, concello historicamente relacionado co territorio barbancés.

Os autores explicaron detalles da obra que xurdiu dun sono de María Lorenzo que plasmou nun pequeno relato e que, logo, quixo converter en novela que deixou durmir uns meses, ata que decidiron retomala.

O alcalde de Outes, Carlos López Crespo, pechou a dobre presentación agradecendo a Barbantia, a La Voz e aos escritores que elixiran a vila para desenvolver a actividade e animou a seguir apostando pola cultura.