«Entrei en política para participar da construción dun futuro mellor»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

A deputada cre que o traballo no Concello e no Hórreo se complementan

25 mar 2012 . Actualizado a las 08:04 h.

A carnotá Marisol Piñeiro chegou ao Hórreo na presente lexislatura coa bagaxe da súa experiencia na política municipal. Di que o traballo a desenvolver nun e outro ámbito é moi distinto, pero complementario, e defende a existencia de bos políticos que ven como a súa imaxe se deteriora e o seu labor acaba eclipsado polos escándalos de corrupción dalgúns, uns poucos, compañeiros de profesión. Disto, e dos retos que ten por diante o país nos vindeiros meses, falou a deputada do PP cando se van cumprir tres anos da súa chegada ao Parlamento Galego.

-Na última entrevista que concedeu a La Voz estaba recén chegada ao Hórreo, ¿que balance fai destes case tres anos de traballo parlamentario?

-É unha experiencia excepcional a pesar de que o momento non é o mellor para lucirse, pero si para traballar de verdade para saír da crise. Desde o momento que entrei en política tiven un fin claro, entrei para ser partícipe da construción dun futuro mellor. E empecei a traballar desde onde penso que hai que facelo, desde o municipalismo, aínda que o traballo no Parlamento é distinto e esta foi unha etapa de aprendizaxe na que tiven a gran sorte contar con dous grandes mestres: Manuel Ruiz e logo Pedro Puy.

-¿Cal dos dous papeis prefire, o de deputada ou o de concelleira?

-Eu agora non sería capaz de renunciar a ningunha das dúas facetas, considero que son compatibles e mesmo complementarias. Dende logo, a visión máis real das inquietudes dos cidadáns dácha a vida municipal, e o ideal é poder trasladar iso ao ámbito parlamentario.

-¿É máis difícil facerlle fronte aos parlamentarios da oposición ou atender aos veciños que pasan a diario por un concello?

-O máis complicado é sempre intentar darlle solucións aos problemas dos teus veciños, pero tamén é o máis gratificante. O enfrontamento dialéctico cos rivais políticos e que haxa diversidade de opinións é o normal no noso traballo.

-¿Comparte esa impresión de que os parlamentarios están lonxe dos cidadáns? ¿Que non pisan a rúa para coñecer os seus problemas?

-Non estamos tan preto como as Administracións locais porque o traballo parlamentario nos impide estar máis próximos á xente, pero o grupo popular sae moito a rúa, intentamos salvar as distancias con visitas a colectivos, reunións, indo a onde hai problemas... En xeral, creo que hai unha idea do político que é equivocada por culpa do mal exemplo que dan catro, pero os bos políticos somos maioría. Jacinto Benavente dicía algo así como que o peor dos malos é que nos obrigan a desconfiar dos bos.

-Volvendo ao traballo no Parlamento, ¿que cuestións que afectan a esta zona están agora mesmo sobre a mesa dos deputados do PP?

-Na axenda hai temas locais e tamén están os asuntos xerais que nos afectan a todos, coma os problemas da pesca e o desenvolvemento do plan acuícola. Desde o grupo popular pensamos que a pesca non é incompatible coa acuicultura e viceversa. Coa riqueza que ten o noso litoral, non podemos prescindir dos proxectos acuícolas, e un dos grandes problemas que houbo na zona da Costa da Morte foi a perda da planta de Touriñán. Este é un sector que debe apoiarse, e este goberno estao facendo, por exemplo, coa planta de orella de mar de Muros. Sobre a mesa tamén están outros proxectos beneficiosos para a comarca que deben culminarse, como a variante de Noia ou o arranxo das estradas AC-550 e AC-552. Tamén nos preocupa o parador de Muxía, pero non máis do que o viña facendo nestes anos, porque nós imos manter as mesmas reivindicacións goberne quen goberne.

-A crise está a reducir os investimentos públicos, pero ¿en que medida afecta esta situación ao traballo no Parlamento?

-A crise fainos ter outra perspectiva das necesidades da xente. O noso traballo neste momento é colaborar na busca de solucións a problemas coma o desemprego ou o aumento das necesidades en servizos sociais.

-¿Como cre que poden resolverse todas esas cuestións?

-As solucións pasan por racionalizar, por exemplo, na liña da fusión de concellos e mancomunar servizos. O futuro vai ser distinto a todo aquilo que coñecemos, este golpe á economía vainos facer ver que o traballo político pasa por racionalizar e non por construír, temos que buscar solucións distintas ás que se viñan dando. En Galicia estamos traballando con anticipación, tomamos medidas que agora asumen outras autonomías e mesmo o Estado.

-Tense falado da posibilidade dun adianto das eleccións, ¿cre que a situación que están a vivir os partidos da oposición beneficiará ao PP?

-Os problemas non benefician nunca a ninguén. O que precisa unha sociedade democrática non é só un goberno forte, tamén necesita unha oposición forte, sen liortas internas, que ofreza unha alternativa. Creo que agora o PSOE e o BNG están moi alonxados dos problemas reais dos galegos e iso non é bo.

Marisol Piñeiro Martínez parlamentaria do PP e concelleira en Carnota

«Agora, o PSOE e o BNG están moi alonxados dos problemas reais dos galegos»

«Nós imos manter as mesmas reivindicacións goberne quen goberne»