«As diferenzas existen, pero a ideoloxía é común»

Javier Romero Doniz
JAVIER ROMERO NOIA / LA VOZ

BARBANZA

Recuperar o voto nos municipios máis rurais é algo esencial para os frentistas na bisbarra

10 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Alguén dixo unha vez de Ánxela Franco (Caamaño, 1962) que é a dama de ferro da política na bisbarra. Hoxe, esa descrición coincide co novo cargo que asume no partido: responsable do BNG na zona de Muros-Noia. Faino no medio da crise máis profunda que se recorda na organización dende o seu nacemento, e que xa motivou o abandono do partido dalgún distinguido militante. Aínda así, a ex tenente de alcalde de Porto do Son fala de unidade ao referirse á familia nacionalista para facer fronte ao retroceso que vive o voto progresista na actualidade.

-¿Como expón a súa nova responsabilidade no BNG cando o partido está inmerso nunha profunda crise intensa?

-Sabemos que somos unha fronte que quere traballar xunta e coordinar os esforzos partindo dunha ideoloxía común, neste caso, nos concellos que forman a bisbarra de Muros-Noia. O principal obxectivo é encaixar todos eses engrenaxes para facer realidade os intereses de todos os veciños de Porto do Son, Noia, Lousame, Outes, Muros e Mazaricos.

-Dentro do conxunto de agrupacións que hoxe forman o BNG, ¿en cal está vostede?

-Eu son dunha bisbarra e ocupo este posto polo respaldo dos votos que obtivo o BNG. É máis, podo dicir que ningún deses grupos do fronte ten a suficiente forza para facer a ninguén responsable comarcal. Por moito que se intente nestes momentos marcar diferenzas entre nós, temos definida a nosa ideoloxía común e cal é o obxectivo a acadar. As diferenzas existen, pero a ideoloxía é común e a compartimos todos, que é sacar adiante a bisbarra.

-Na comarca á que pertence, ¿cree que existe a marea azul do PP?

-Para nada. O PP unicamente goberna nos concello de menor poboación, que son Mazaricos, Outes e Lousame. En Muros e Noia faino o PSOE e en Porto do Son o PP fixo un pacto contranatural cun exsocialista, polo que o normal sería unha coalición progresista.

-Muros é o único concello desta bisbarra onde aínda non foi elixido o novo responsable local, ¿cree que haberá problemas ao ser Máis Galiza quen ten unha maior influenza?

-O que aconteza en Muros non pode estar influenciado polos grupos que existen na fronte. Creo que ai que ter sentido común e pensar que ao final todos temos unha ideoloxía e un obxectivo común. O demais é salvable.

ÁNXELA franco muros e noia

«Sabemos que somos unha fronte que quere traballar xunta e coordinar os esforzos»