Sublime exaltación poética dun obxecto do máis cotián

La Voz

VILAGARCÍA DE AROUSA

Partindo dun bruzo dos de toda a vida, trinta artistas crearon outras tantas obras de arte que dende hoxe se expoñen en Arcana

04 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Contan que o nome de bruzo provén dunha galeguización do termo inglés brush, que era como os mariñeiros británicos chamaban ao obxecto co que fregaban as cubertas dos barcos. As nosas xentes de mar escoitárono e chegou terra adentro convertido en enxebre bruzo.

Pois ben, tan a priori pouco nobre obxecto é o protagonista da exposición que hoxe (20 horas) se inaugura na galería Arcana. Trinta artistas galegos recibiron o seu correspondente bruzo para que interactuaran con el a vontade e o devolvesen convertido en peza de arte.

Os resultados, non podía ser doutro xeito, son do máis heteroxéneo, se ben hai dous elementos que prevalecen: un forte contido poético e moito sentido do humor.

Así, Enrique Conde artellou un «paquebote surcando as augas enxaboadas do chan fregado», María José Rodríguez deconstruiu o bruzo ata convertelo nun porco espín e Chazo outorgoulle a condición de cempés. Tamén hai un bruzo mariquiña. Justo Ilhuicamina personalizou co seu estilo mecánico un bruzo industrial, Uxío López articulouno en dúas pezas e Xaime Fuentes o converteu nunha patera.

As sedas do bruzo deron para moito. Lois Magariños puxo dúas ovellas a pastar nelas, José Luiz Oubiña a dous xogadores de fútbol e Marthazul enredou entre elas restos de pelo ou, como ela lles chama, «secretos de lavanda».

Tamén son moitas as paisaxes recreadas a partir dos elementos desta sinxela peza. Curiosamente moitos vencellados ao mar, como o de Nuria Iglesias ou o de Augusto Metztli. Outros, profundamente apegados á terra como o alegórico O último carballo, a planta de bruzos de Platis ou a natureza animal de Emérita Méndez.

As obras desta singular exposición están todas a venda con prezos que van dende os 70 aos 300 euros. A mostra poderá visitarse na galería vilagarciá ata o 15 de xaneiro.