«A prioridade será fichar interiores grandes e atléticos. Pero sobre todo, xente comprometida»

pablo penedo vilagarcía / la voz

CAMBADOS

MARTINA MISER

31 may 2016 . Actualizado a las 05:05 h.

Sen perder un segundo, Santos tiña onte á noite a súa primeira xuntanza de traballo do director deportivo do club para comezar a deseñar o novo equipo. Unha das novas tarefas de quen coñece á perfección todos os resortes do club e da LEB Prata.

-O seu era estrearse coma primeiro adestrador en LEB Prata e na casa, ou segundo nun aspirante ao título da primeira Liga de Dinamarca. Xa quixeran moitos...

-En realidade Dinamarca non chegou ser nin unha opción. Era algo que me comentou Miguel antes de ir, pero non chegou a nada. As opcións de adestrar en LEB Prata son moi poucas. O baloncesto español é moito máis competitivo cá noutros países, e é unha oportunidade excelente.

-Cinco anos de axudante no Xuven. O camiño coñéceo calquera que viñera seguindo o equipo neste tempo, pero só vostede saberá dos pasos que o levaron ata aquí...

-Ben. Supoño que como todo na vida, vas dando pasos, e uns pasos lévante aos seguintes. Comecei como segundo adestrador, e tamén dirixindo a rapaces, sacando os títulos, aprendendo dos adestradores dos que fun axudante, de Yago e de Miguel. E ao final cando das os pasos, e con ilusión e con motivación, ao final acabas chegando aos obxectivos, como pode ser adestrar un primeiro equipo.

-Falou de Yago Casal e de Miguel Ángel Hoyo. Na súa traxectoria coma xogador traballou antes con técnicos do nivel de Tito Díaz, de Chiqui Barros ou de Rubén Domínguez ¿Que aprendeu deles?

-Pois... Moitísimas cousas. Moitísimas cousas. Son dos que pensa que de toda persoa podes aprender moitísimo. De máis novo o que máis aprendín foron os valores do deporte: esforzo, equipo, implicación. Valores fundamentais. E xa como xogador de nivel máis alto, distintos xeitos de adestrar, de levar un grupo; e a nivel técnico, moitos conceptos.

-Cociñeiro antes ca fraile, psicólogo de formación, coñece as dinámicas físicas e metafísicas do baloncesto e dos baloncestistas desde todos os ángulos, ao club desde os alicerces ao teito, e a Liga ata onde llelo permiten os trocos que traerá outro verán. A partitura arrinca ben de harmonía...

-Home. Espero que si. É o meu primeiro ano como primeiro adestrador, e me queda moitísimo por aprender e por levar adiante. Pero estou moi cómodo no Xuven, coñecémonos, lévome moi ben con todo o mundo, coñezo a Liga, polo meu labor de olleador, tanto a xogadores como adestradores, e iso é moi importante á hora de levar o primeiro equipo.

-Cando toque sentar ante a afección, ¿ser da casa asegurarálle o comodín do público?

-Non. O público en Cambados é dos máis animosos que hai na Liga. Hai unhas persoas que son máis críticas, outras amosan un apoio incondicional. A min só me queda traballar, para que o equipo dea o máximo que poida dar. Confío en que todo o mundo apoie o equipo, os xogadores, que son os que precisan dese apoio. Agardo que que sexa da casa axude.

-Hai un ano Hoyo e o club imaxinaron unha LEB Prata semellante á anterior, e véuselles enriba unha Liga dominada por poderosas parellas interiores para ás que non estaban ben equipados. Sen máis límite co orzamentario, ¿cal é o esqueleto e musculatura que imaxina para o seu Xuven?

-A priori, sobre todo vendo a evolución que está a ter a Liga, máis física, máis atlética, con xente para xogar preto da canastra, se queremos competir nesta Liga vai ter que ir por aí un pouco a confección do plantel. Sempre dentro das nosas posibilidades. A prioridade será fichar xogadores interiores grandes e atléticos. Pero tamén e o máis importante, ter xente comprometida, con ambición, e con ganas de traballar.