Manolo Abalo: «O que precisa o equipo é tranquilidade»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

RAMON LEIRO

O presidente do Arousa confesa que non agardaba un inicio de Liga así e percibe ansiedade por marcar xa no primeiro minuto

26 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Dous puntos nas tres primeiras xornadas de Liga sitúan o Arousa quinto pola cola da clasificación do Grupo 1 da Terceira RFEF, empatado con outros cinco equipos e co mesmo botín ca un Barbadás e un CD Estradense que ocupan a antepenúltima e a penúltima prazas da táboa, é dicir, postos de descenso directo. O presidente do conxunto vilagarcián, Manolo Abalo, non nega que o arrinque dista do que agardaba, en tanto o cadro arlequinado parte como aspirante a un título de Liga no que a UD Ourense lle quita xa 7 puntos co seu pleno de vitorias.

O diagnóstico do problema do Arousa elaborado por Abalo é simple: «Estamos xogando cunha presión enorme. O que precisa o equipo é tranquilidade». Esta é a súa explicación ao feito de que o conxunto que dirixe Luisito Míguez non teña sumado un só triunfo cando, en opinión de Abalo: «Se lle tiveramos gañado ao Bouzas —na xornada inaugural da Liga—, non pasaba nada. Na Lomba, fronte ao Celta C, se alguén mereceu gañar, fomos nós. E onte —polo pasado domingo—, enfrontámonos a un rival dun mérito enorme, que nos puxo as cousas moi difíciles, cun adestrador veterano que as sabe todas, nun partido trabadísimo».

Manolo Abalo subliña que «a actitude dos xogadores é enorme, baléiranse en cada partido. E xogar como esta última semana contra un equipo ao que lle vale o empate é complicadísimo».

Á hora de aclarar que entende por falta de tranquilidade, o presidente di percibir que «queremos meter gol xa no primeiro minuto e iso lévanos á precipitación». Así as cousas, a súa medicina para curar o mal que aqueixaría o Arousa de Luisito Míguez é tamén do máis sinxela: «O único que temos que facer é gañar un partido. A partir de aí estaremos tranquilos e ímonos soltar».

O certo é que, se o pasado domingo Luisito daba unicamente por bo un triunfo sobre o Arzúa na súa condición de pechacancelas, dado o rival, non pode esixir menos ante un Barbadás que este domingo visitará A Lomba (18 horas) como antepenúltimo.