A fenda de xénero da muller arousá: 2.000 cotizantes menos e 1.200 paradas máis

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Seguridade Social, datos de contratos e de desemprego sinalan o moito por facer de cara a poñer fin a unha desigualdade reflectida noutra cifra elocuente, a dos 219 euros menos da pensión media feminina respecto á dos homes da comarca

09 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cun de cada sete representantes do pobo no Congreso dos Deputados bramando insistentemente contra calquera política encamiñada a traballar por unha igualdade de xénero real e efectiva en España, estudos como o que esta semana facía público a UGT sobre o movemento laboral rexistrado na comarca de Arousa no ano 2021 poñen de manifesto a diferenza entre as fake news e o peso dos feitos. E é que, colla o capítulo que se colla, a estatística fala ben ás claras da enorme fenda que a nivel laboral e de pensións sitúa moi por atrás as condicións nas que viven as mulleres arousás respecto dos homes da comarca. Unha realidade común en maior ou menor grao ao longo e ancho do estado. 

As seguintes cifras, tiradas dos datos oficiais proporcionados polo Instituto Galego de Estatística, foron reunidas polo servizo de estudos da UGT e debuxan a media da suma das referidos aos concellos do Salnés, agás Sanxenxo, e da comarca de Caldas, exceptuando Cuntis e Moraña. Datos que falan dos case 2.000 homes máis afiliados á Seguridade Social en alta laboral o ano pasado, 22.713, ca mulleres, 20.793. Sendo estas un 47,8 % do total, 0,7 puntos menos ca media galega, a nota positiva neste apartado é a maior porcentaxe de aumento anual de afiliadas arousás, dun 4,9 %, polo 3,9 % da suba masculina.

Sen deixar de falar da poboación ocupada, as comarcas do Salnés e de Caldas analizadas polo estudo da UGT rexistraron no 2021 un total de 47.490 contratos, notablemente máis cos 40.022 dun 2020 lastrado pola explosión da pandemia pero moi por debaixo dos 58.201 do 2019. Dos 47.490 contratos do ano pasado, 25.066 foron asinados por homes e 22.424, un 47,2 %, por mulleres. Deles, o 7,7 % dos primeiros foron indefinidos, por un 7,2 dos segundos. Unha fenda que se ensancha cando ollamos ao tipo de xornada, atopándonos con que mentres o 16,1 % dos contratos masculinos foron a tempo parcial a porcentaxe desta mesma modalidade foi o dobre entre as mulleres arousás, un 33,6 %.

Na caída do número de parados rexistrada no 2021, a incidencia entre as mulleres volve ser inferior, do 11,8 %, fronte á do 15,2 % entre os homes. As traballadoras na procura dun contrato eran 4.682, o 57,6 % do total —Vilanova de Arousa, co 51,7 %, e Pontecesures, co 65 %, marcan os extremos—, polos 3.444 parados varóns. Desigualdade amplificada no capítulo de parados de longa duración, isto é, persoas que levan máis dun ano desempregadas, coas mulleres copando o 61,2 % —53 % en Vilanova e 75,2 % en Cesures— dos 3.642 do total da zona.

A pensión media feminina é de 219 euros menos ao mes ca do varón

Os datos dos oito concellos do Salnés e dos cinco da comarca de Caldas —Catoira, Pontecesures, Valga, Portas e a propia cabeceira da bisbarra— recollidos e analizados no informe elaborado pola UGT co gallo do Día Internacional da Muller ofrecen luz sobre outra das grandes bolsas de desigualdade de xénero orixinadas polas dinámicas de funcionamento do mercado de traballo do país. Falamos das pensións, cuxas contías non deixan de ser o resultado das carreiras laborais dos seus perceptores.

No 2021 eran 26.934 os pensionistas nas dúas comarcas en cuestión, repartidos case por igual entre homes, 49,8 %, e mulleres, 50,2 %. O importe medio da pensión dunha muller do Salnés e Caldas foi de 219,57 euros menos cá dun home: 760,93 euros fronte a 980,5.