«Queremos crear un produto termal que sexa interesante para o turista estranxeiro»

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso O GROVE / LA VOZ

AROUSA

MARUXA ALFONSO

Setenta persoas, entre alcaldes técnicos e empresas, participan na asamblea que esta entidade celebra na Toxa

24 oct 2014 . Actualizado a las 04:54 h.

A Illa da Toxa acolleu onte a inauguración da asemblea anual das Vilas Termais. Alcaldes, técnicos e empresas do sector de toda España danse cita nestas xornadas para poñer en común as súas experiencias, falar dos seus problemas e aprender a aproveitar o potencial que ten o termalismo, explica a presidenta desta sección da Federación de Municipios e Provincias, a tamén alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez.

-¿Por que xurde esta sección de Vilas Termais?

-Basicamente porque hai moitos pequenos municipios que temos inquedanzas en común e problemas que podemos extrapolar a outras comunidades. Por iso xurdiu esta asociación, para colaborar e buscar solucións a problemas e por en valor unha riqueza, que é a auga termal.

-Galicia é a comunidade que máis aporta a esta sección.De aquí son 18 dos 81 municipios que a forman.

-Afortunadamente Galicia é unha potencia, é a primeira comunidade autónoma en número de vilas termais. E é para min un orgullo que Ourense sexa punteira nese tema.

-¿O termalismo está de moda ou segue a ser só unha opción de turismo de saúde?

-Desde a propia Federación de Municipios e Provincias estamos traballando en potenciar o termalismo, aínda que se lle da moita importancia ao tema da saúde. Estamos abertos a calquera tipo de público, ao familiar, ás parellas...

-¿O noso termalismo é coñecido no estranxeiro?

-En Europa o termalismo é moi valorado e as sociedades son coñecedoras dos beneficios termais. Por iso queremos crear un produto que inclúa a nosa gastronomía, os nosos paisaxes e a climatoloxía... que poidamos ofrecerlle ao turista estranxeiro máis que auga quente.

-¿Por iso nestas xornadas vaise falar da experiencia doutros países neste tema?

-Estamos apostando por unha liña de formación para técnicos e alcaldes, por iso temos varios talleres que tentan explicar a visión do termalismo que existe en Europa. Teremos a alcaldesa de Bath, en Inglaterra, e falaremos da xestión do termalismo en Alemaña, co caso das termas de Caracalla, que souberon evolucionar co tempo. Queremos ver e aprender o que poidamos desas dúas experiencias.

-¿De que problemas ou inquedanzas van falar nestas xornadas?

-Básicamente a nosa inquedanza é potenciar cada vez máis o turismo termal. Somos conscientes de que hai un turismo de sol e praia moi potente, pero queremos colaborar con el. Apostamos por ese turismo e por sinalizar as Vilas Termais, que é algo no que levamos tempo pelexando. No tema da saúde hai países nos que a seguridade social recoñece os tratamentos termais e creemos que sería interesante que puideran facer eses tratamentos en España. E queremos crear un produto termal que resulte interesante para o turista estranxeiro. Eles xa teñen augas termais e unhas instalacións moi boas, polo temos que ofrecerlle un produto que resulte atractivo.

maría del carmen yáñez presidenta de vilas termais