«Co prestixio que ten Mondoñedo e os seus cronistas, é un punto de orgullo»

MONDOÑEDO

OSCAR CELA

El escritor, sucede a persoeiros como Cunqueiro, Lence ou Díaz Jácome

28 ene 2015 . Actualizado a las 13:31 h.

Este xoves, no pleno que se celebrará ás oito da tarde, os tres grupos da corporación de Mondoñedo, tras pedilo por consenso, nomearán cronista oficial do Concello a Antonio Reigosa Carreiras. Este mindoniense nado en Zoñán-Os Remedios, o 15 de agosto de 1958, desenrola o seu traballo no Museo Provincial de Lugo e conta con unha ampla obra literaria publicada e con numerosos traballos de divulgación relacionados coa historia, a arte, a etnografía, a mitoloxía popular e a literatura oral, entre outras actividades.

-¿Como acolle este nomeamento?

-O nomeamento me fai feliz, evidentemente. Aínda que viva e traballe e a miña vida está noutro lugar, un onde nace sempre ten querenza e neste caso que se acorden dun para un cargo con ese prestixio que ten Mondoñedo e que teñen en Mondoñedo os cronistas oficiais, en fin, é un punto de orgullo.

 

-O seu antecesor creo que era Francisco Mayán ¿Non?

-O último foi Francisco Mayán, o director do Instituto na miña etapa de Instituto en Mondoñedo e anteriormente foi Díaz Jácome e antes foi Álvaro Cunqueiro, nada menos, e ó primeiro que foi Lence Santar, co cal... En fin, un síntese moito máis pequeniño do que estes nomes indican. Fanlle a un regalo de Reis, aínda que sexa un pouco retrasado...É unha alegría, claro.

 

-¿Como concibe a súa labor?

-Francamente, teño que pensalo. Eu sei que isto de cronista oficial noutros momentos da historia, igual no século pasado, tiña un significado distinto, posto que a crónica do cronista nos medios impresos era o predominante. Pero agora o mundo cambiou radicalmente, están aí as novas tecnoloxías , está aí Internet. Eu creo que fundamentalmente o que debe trasladar un é aquela parte da historia, do presente, aquelas singularidades que ten Mondoñedo. Non só Mondoñedo cidade, senón o concello, hai arredor quince parroquias que é un rural que igual hoxe está asociado á situación económica de Mondoñedo, pero que foi parte importantísima do prestixio de Mondoñedo. Eu enténdoo así. Non é unha cidade coa súa historia e o seu prestixio senón unha contorna que queren o seu sitio no mundo, que o merecen, que teñen un patrimonio material e inmaterial impresionante e eu na medida do posible terei que intentar facelo visible alí onde poida.

 

-É unha boa definición do que debe ser un cronista

-Eu que penso eu, tampouco teño experiencia. En tempos o cronista era o historiador local, era o sabio local. Hoxe Mondoñedo ten moitos sabios, ten especialistas en arqueoloxía, en historia, en literatura, profesores de universidade. Hai moitos mindonienses en moitos lugares ocupando cargos relevantes e de prestixio por tanto o cargo do cronista de hoxe máis ben é un coordinador, un motivador, alguén que trata de facer visible todo ese talento, ese patrimonio, que o final reverta en Mondoñedo.

 

-Por desgraza, Mondoñedo economicamente e incluso socialmente está pasando momentos difíciles

-Non é raro, é unha deriva que en xeral o país, este país, Galiza está padecendo, é o signo destes tempos; hai cantidades de vilas e pobos, dende logo o rural está nun declive tremendo. E Mondoñedo tamén está pagando as consecuencias desta situación económica. A diferenza é que Mondoñedo ten detrás un pasado glorioso, ten un prestixio, e sobre todo ten un patrimonio arquitectónico, literario, musical, de xente que saíu de Mondoñedo... É un valor que non podes desprezar, hai que reivindicalo, recordalo e buscar as fórmulas para que estea presente, porque non é un patrimonio local, é un patrimonio galego, universal. Eses son os eixos sobre os que podes construír un futuro.

antonio reigosa carreiras

vai ser nomeado cronista oficial de mondoñedo