Francisco Rivera Blanco, un mindoniense que fixo pemento

Fran Bouso O OUTEIRO DE MONDOFORTECRÓNICA

A MARIÑA

19 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Os galegos somos grandes consumidores de pemento en tódalas súa variedades: doce, picante e agridoce, tanto por ser un condimento presente en moitos pratos da gastronomía que nos é propia (polbo á feira, pescada á galega, carne ao caldeiro...) coma por ser empregado -sobre todo nesta época de matanzas- na elaboración de embutidos, principalmente chourizos e chanfainas. Sen embargo non temos unha palabra que designe especificamente este aderezo alimenticio, “pementón” non está recollida nos dicionarios -nin sequera no Dicionario de alimentación e restauración editado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades- ao considerar que se trata dunha galeguización do español “pimentón”.

Tampouco é Galiza unha terra na que se produza este produto, aínda tendo variedades de pementos de gran calidade (Herbón, Mougán e Arnoia son os máis coñecidos; aos que lle debemos sumar polo menos os de Oimbra, Couto, Blanco, O Rosal, Punxín e Piñeira).

Recursos naturais

Sen embargo houbo un galego que moito fixo pola produción de pemento doce. Trátase do mindoniense Francisco Rivera Blanco, un home que soubo aproveitar os recursos naturais da zona a onde foi destinado como mestre, neste caso os pementos, para elaborar un produto de alta calidade, o pemento doce, que era moi demandado no mercado estatal e nos estranxeiros, para o seu uso principal na industria chacineira.

Francisco Rivera Blanco chegou a Cáceres para exercer a súa profesión de mestre na escola de Aldeanueva del Camino, lugar no que faleceu a súa esposa que era natural de Viveiro. Pasados dous anos do pasamento da súa primeira muller, Rivera casou con Luísa Comendador y Moreno, filla dun rico propietario do lugar. Cos coñecementos e o enxeño do mindoniense e o capital e as terras do Comendador iniciouse unha próspera actividade económica na zona que favoreceu o crecemento demográfico e o desenvolvemento social e económico. Rivera Blanco foi quen de dar coa fórmula do pemento doce, moi valorada polos mercados da época.

O mestre e industrial mindoniense-cacereño Francisco Rivera participou en Santiago de Compostela na Exposición Regional Gallega de 1909 dando a coñecer os seus produtos, motivo polo cal a revista Vida Gallega no seu número de decembro dese ano recolle unha semblanza súa na que se dá a coñecer que: “Es el Sr. Rivera Blanco uno de los gallegos que mejor defienden el nombre de la región en Extremadura. Al venir a la Exposición de Santiago con sus acreditados productos ha hecho que la atención se haya fijado en él, recordándole y motivando este recuento de las múltiples manifestaciones de su saliente personalidad”.

Boas festas, bo Nadal

O mindocacereño era un home de gran bagaxe cultural, tamén exerceu como banqueiro e xornalista e foi propietario dunha mina de galena arxentífera e cuarzos auríferos e outra de carbón en Valencia de Alcántara. Non se asombren entón se ao abrir unha lata de pemento para aderezar a zorza escoitan un son que lles recorde ao da Paula, a campá maior da catedral de Mondoñedo, a mesma Paula que canta leda en harmonía coa Petra ou o Esquilón porque está a chegar o Nadal. Permítanme desexarlles unha boas festas.

*Fran Bouso, escritor e mestre.