Pescada e bonito xa moveron 74,6 millóns este ano en toda Galicia

La Voz VIVEIRO

A MARIÑA

28 jul 2016 . Actualizado a las 17:27 h.

Por facturación, a pescada é a estrela nas lonxas de Galicia, con 131 millóns de euros durante o 2015, case o 29 % de todo o diñeiro que se moveu. Sete de cada dez pescadas de Galicia saen da Mariña, das lonxas de Burela e Celeiro, que individualmente duplican kilos e facturación da terceira, a da Coruña. No que vai deste 2016, a pescada moveu 71,71 millóns en Galicia. Tamén é A Mariña, con Burela como líder, a capital do bonito do norte fresco, co que na campaña deste ano se levan facturados en Galicia 2,94 millóns de euros.

As estadísticas oficiais confirman o peso específico da pescada nas lonxas de Galicia, así como a importancia da campaña do bonito do norte.

Das 27 lonxas galegas nas que se vendeu pescada este ano, a primeira por facturación é Burela, con 28,16 millóns e 6.452 toneladas. Unhas poucas máis toneladas subastou a lonxa de Celeiro, 6.461, e facturou 23,42 millóns de euros. A distancia, A Coruña, con 11,78 millóns e 3.393 toneladas; e Vigo, con 4,71 millóns e 1.592 toneladas.

Cinco lonxas de Galicia comercializan bonito do norte este ano. Ata agora, Burela facturou 1,64 millóns por 365 toneladas; A Coruña, 0,72 por 181; Celeiro, 0,31 millóns por 81 toneladas; Cedeira, 0,17 por 38; e Vigo, 0,08 millóns por 19 toneladas.

Burela e Celeiro son as dúas lonxas galegas que comercializan máis pescada fresca.

No bonito do norte despunta Burela, seguida da Coruña, Celeiro, Cedeira e Vigo. FOTOs