«Se pasamos da vespa asiática imos quedar sen mel, sen froita e ata sen viño», di o apicultor José Mª Vázquez

Mar García Balseiro
mar g. balseiro VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

O apicultor de San Pedro presenta o sábado no teatro Pastor Díaz o sistema que inventou para eliminar os niños

07 ene 2015 . Actualizado a las 08:25 h.

José María Vázquez Sánchez é un apicultor de San Pedro de Naseiro, en Viveiro, que ideou un singular sistema para exterminar niños de vespas asiáticas. Coa axuda doutro apicultor xa eliminou 73 niños, en Viveiro, Xove e O Valadouro, e fai un chamamento aos alcaldes, apicultores e agricultores da Mariña para que acudan o vindeiro sábado ao teatro Pastor Díaz (de 16 a 19 horas) a coñecer o sistema de cerca. Vázquez ten claro que o impacto desta especie foránea supón un risco real para o ecosistema. «Se pasamos da vespa asiática imos quedar sen mel, sen froita, e ata sen viño», sentenza.

-¿Como chegou a implicarse nesta loita contra a vespa asiática?

- Na miña familia hai 200 anos que hai abellas, e eu quería dedicarme profesionalmente a producir mel, e pasei tres meses vendo como as miñas abellas sufrían.Só en Naseiro, no campo da festa, sacamos 26 niños, e vía que ninguén facía nada, ou que era insuficiente. Chamei a Moncho, outro apicultor, que tamén eliminaba os seus niños, aínda que con outro sistema, e probamos. Aínda que en realidade inventei catro métodos en total, dos que probamos dous, un deles utilizando o gas venenoso, para o verán, pero non é efectivo ao 100 % se non se retira o niño. Por iso quero que á reunión veñan o maior número de representantes dos concellos da Mariña, os apicultores e as persoas que estean interesadas, porque o método que utilizo é sinxelo e eficaz. Xa levamos retirados 73 niños, deles 6 na Regueira (Xove), e 5 no Valadouro. Estou acabando de deseñar o protocolo que vou presentar aos concellos.

-Está vostede empeñado en acar con esta especie invasora.

-É unha batalla, e non sirve de nada se non colaboramos todos. De que val que se limpe Viveiro se non se fai o mesmo nos concellos veciños. Por eso é tan importante que veñan á reunión todos os que poidan. Invitei tamén a algunhos alcaldes. Se pasamos da vespa asiática imos quedar sin mel, sen froita e ata sen viño. Cando chegue á Ribeira Sacra, ¿qué vai pasar coa uva? ¿E os postos de traballo? ¿E cos que viven das cereixas? Os que queremos vivir das abellas sentímonos impotentes.