As vellas San Lucas

SUSO FERNÁNDEZ CRONISTA OFICIAL DE FOZ

SANTIAGO CIUDAD

15 oct 2014 . Actualizado a las 16:48 h.

Cada outono, Mondoñedo vóltase lugar de cita para milleiros de festeiros e feirantes de diversos puntos de Galicia, e de fóra dela, atraídos pola singularidade dun evento prestixiado ó longo dos tempos: as súas feiras e festas das San Lucas. O engado da ancestral cidade engaiola a quen se achegan a ela co espíritu disposto e a sensibilidade receptiva para captar a mensaxe histórica que, desde un desusado silencio, emana das vellas pedras que labraron os seus artesáns; dos sons das melodías dos músicos insignes ou dos versos apaixoados dos seus egrexios poetas.

Pero chegadas as datas das San Lucas a cidade adquire unha nova dimensión: o xentío, festexeiro e barullador, invade as rúas e, a cidade, cal vella e paciente matrona, amorosamente acolle no seu regazo a cantos a ela acuden, á procura dunhas horas de solaz na compaña de xentes ás que a longa historia investíu de fidalguía e do don da xenerosa hospitalidade.

Os mellores productos

As feiras das San Lucas conservan, en boa medida, o feitizo dos vellos feirais e seguen a ser ocasión para mercar os mellores productos naturais e artesáns da bisbarra; as noces, as castañas e o mel; a cerámica, as pezas de buxo e os cestos de vimbio ou os máis insospeitados artiluxios de antiga usanza, que fan das San Lucas un singular certame comercial, no que prevalecen valores xa case esquencidos e sobre todo, como escribiu Cunqueiro «os potros bravos, os fillos do vento, as greas peludas e asustadizas que para acudir ó feiral patean as pedras da calzada romana». Mondoñedo conserva o engado da súa personalidade diferenciada. Cada outono mariñán ten o mais importante evento festeiro, comercial e social nas seculares As San Lucas, efeméride para o encontro obrigado das xentes que se espallan por unha comarca que ten como centro xeográfico a torre da catedral da Asunción, e que acuden á chamada da histórica campá coñecida por A Paula.

Como confirmación da antigüedade das feiras, digamos que éstas, as San Lucas, son 55 anos mais vellas que a catedral de Santiago. Non falte á cita, lector amigo.