«Vaise cumprindo, rematouse o cemiterio»

Inmaculada Eiroá González
I. EIROÁ O VALADOURO / LA VOZ

A MARIÑA

O munícipe afirma que «hai bo entendemento coa oposición, PSOE e BNG»

20 may 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

No Valadouro José Manuel Lamela remata con boas sensacións o seu primeiro ano como alcalde e di que non recorda nada especialmente duro a pesar de que nestes tempos tivo que encarar algúns temporais.

Sen dúbida os dous asuntos que máis polvareda levantaron foi o da fusión con Alfoz que lle plantexou a oposición e que, despois dun recurso de reposición presentado polos independentes de Udival, conseguiron (os tres grupos da oposición) aprobar o acordo, ao menos de momento, para iniciar os trámites de fusión dos dous concellos, previo estudio socioeconómico sobre a viabilidade.

O outro tema polémico do mandato foi a aprobación da dedicación exclusiva, conseguida co apoio do único concelleiro do BNG.

Á marxe destes asuntos Lamela fai unha lectura positiva: «Vanse cumprindo os obxectivos; rematouse o cemiterio e está lista a modificación puntual das normas subsidiarias para poder facer o polígono. Aínda que nestes momentos vai ser difícil que haxa empresas dispostas, é importante ter suelo industrial e ter as normas preparadas», sinala o rexedor.

Gobernar en minoría non é doado nunca pero o munícipe de O Valadouro asegura que: «Lévoo ben. Hai bo entendemento coa oposición, co PSOE e BNG (sobre Udival, o grupo dos independentes cala). Antes de sacar os asuntos reúnome e consensuamos un pouco os temas». Á marxe da apreciación persoal, o bo entendemento con dous dos tres grupos da oposición aínda non lle permiteu aprobar os presupostos, que agora están prorrogados. E non lle faltaron críticas do resto dos grupos da corporación que, en diversas ocasións, o teñen acusado de intentar aprobar en pleno, pola porta de atrais, asuntos que deberían de ir englobados nos presupostos.

Pero un dos aspectos máis positivos, en tempos de crise coma estes, é a boa saúde económica do Concello. O Valadouro foi, xunto con Xove, o único da comarca que non ten débeda con proveedores, o que o librou de ter que pedir un crédito para pagala, como fixeron os demáis.

E conclúe José Manuel Lamela que «non é igual estar de concelleiro que de alcalde, non é a mesma responsabilidade, pero adáptaste». Será certo porque cando se lle pregunta qué quedou pendente de facer no ano que leva contesta que falta recuperar fontes en Vilar, Recaré e Moucide.

josé manuel lamela alcalde de o valadouro (PP)