A Academia Galega enxalza o carácter «poliédrico» de Valentín Paz-Andrade

vigo / la voz

CULTURA

Xesús Alonso Montero y Xosé Luis Franco Grande durante la presentación del libro sobre Valentín Paz Andrade
Xesús Alonso Montero y Xosé Luis Franco Grande durante la presentación del libro sobre Valentín Paz Andrade XOÁN CARLOS GIL

O presidente da RAG enxalzou a influencia que tivo a súa obra nos campos da economía, a literatura, a política, o dereito, o xornalismo ou a filosofía, que o configuraron como un dos intelectuais máis destacados do século XX en Galicia

31 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, destacou onte o carácter «poliédrico» de Valentín Paz-Andrade. Foi durante o acto de presentación en Vigo do boletín da RAG dedicado de forma monográfica á súa figura. Montero enxalzou a influencia que a obra de Andrade tivo nos campos da economía, a literatura, a política, o dereito, o xornalismo ou a filosofía, que o configuraron como un dos intelectuais máis destacados do século XX en Galicia.

Organizado pola Fundación Penzol na Casa da Cultura Galega, ademais do director da Academia, o encontro contou coa presenza da historiadora Emilia García López, o escritor e avogado Xosé Luís Franco Grande e o editor Gregorio Ferreiro.

 

Clarificador

Xosé Luís Franco Grande, que coñeceu persoalmente a Paz-Andrade, destacou que o volume é «clarificador» porque descobre aspectos novos e non coñecidos da biografía e o pensamento do autor a quen estivo dedicado o Día das Letras Galegas no ano 2012. Afirmou que este tomo que acaba de presentarse está «cheo de sorpresas» e é o mellor que se pode dicir dunha nova publicación porque, así, o seu contido incita ao lector.

O monográfico recolle tódalas intervencións dedicadas a Paz-Andrade durante un congreso celebrado en decembro do 2012. Inclúe artigos de autores como Justo Beramendi, Miguel Anxo Seixas, Xan Carballa, Alfonso Álvarez, Charo Portela, Luís Cochón ou Tucho Calvo. Xavier Vence, Manuel Rivas, Ramón Villares, Xosé Ramón Barreiro e Xesús Alonso Montero achegaron tamén alocucións académicas sobre o autor. O boletín contén ademais un traballo de investigación de Ramón Mariño e Damián Suárez titulado Luís Losada e o pranto galego pola morte de Luís I de España.