Referente menos para a Xunta

Juan A. Pinto

LUGO

06 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Esta xenial intuición de Antonio Gandoy leva 35 anos a carón das familias cun modelo de intervención pioneiro, preventivo e vertebrador do territorio. Este referente da implicación das familias na educación dos fillos apostou polo que os países avanzados poñen en valor: a parentalidade positiva.

Recortes da Xunta fan inviable a continuidade de Preescolar na Casa, programa que responde ao noso modo de vivir, de falar e de ocupar o territorio, dando resposta ás necesidades do país. Cómpre apoiar a acción educativa dun programa 100% galego que promove os dereitos da infancia, que apoia á familia, que traballa no período máis sensible, a infancia.

Os políticos son os nosos representantes. Invitámolos a que estean na rúa, que vexan os rostros dos nenos e que escoiten a voz das nais e pais: «Todos os nenos e nenas galegos deberían ter a oportunidade de participar en PnC», «Son espazos educativos útiles nos que compartir experiencias e resolver dúbidas», «Non deixedes de loitar por este espazo educativo moi necesario para pais e nais».

Preescolar na Casa, modelo eficaz, exportable e barato, non pode ter os días contados. Daquela, Galicia sería un pouco máis pobre, máis vella, e sen os risos dos nenos, sen o fume das casas nas aldeas, máis triste e solitaria.

Con seguridade os responsables da Xunta queren o mellor para a nosa terra. Invitámolos a apostar polas familias e os meniños, a sementar futuro garantindo a continuidade de Preescolar na Casa.