A primeira Porta da Estación foi derrubada en 1919 para facer a de Emilio Castelar

Adolfo de Abel Vilela LUGO/LA VOZ.

A CORUÑA CIUDAD

Para facer as obras foi necesario o derribo de dous cubos da Muralla

19 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A apertura desta porta facilitou unha comunicación máis cómoda coa estación do ferrocarril, potenciou a praza de Santo Domingo como lugar a onde chegaban os viaxeiros, e ao abrir unha nova rúa posibilitou a expansión urbana dunha pequena parte do interior do recinto amurallado e do seu exterior. A primeira referencia sobre a necesidade da construción, atopámola en 1862, con motivo da solicitude presentada por Mario Zaera para construír unha tafona e tres fornos na chamada cortiña de Gil, na inmediación da praza de Santo Domingo.

As normas para a construción deste tipo de industrias eran bastante ríxidas, debido ao perigo de incendios, polo que se preferían os lugares despoboados ou que estivesen separados dos edificios. O lugar escolleito cumpría cos requisitos establecidos para os fornos, pero advertíase que había o proxecto de abrir unha porta na muralla para dar entrada á estrada de Meira e Fonsagrada ata a praza de Santo Domingo, unha idea do enxeñeiro provincial Marcelo Sánchez Movellán, polo que cando se abrise tiña que inutilizalos.

A primeira porta

Coa construción da liña de ferrocarril Palencia-Coruña, inaugurada nun dos seus tramos o 5 de outubro de 1875 e na súa totalidade o 1 de setembro de 1883, a cidade adquire novas posibilidades de crecemento na zona comprendida entre os barrios das Flores e Paradai, ao situarse a estación no fondo do barranco de Friás. Isto dá lugar a que no mes de maio de 1873 varios veciños pedisen a apertura da porta, pois xa estaba rematada a estación e conviña que a comunicación se fixese polo traxecto máis curto, cómodo, vantaxoso e económico, xa que ou se entraba pola Porta de San Pedro ou pola Falsa.

Os propoñentes dicían que pola chamada rúa Escura ou das Flores, sen necesidade de indemnizacións, case en liña recta, podíase levar o camiño á muralla nun curto traxecto enlazando coa estrada xeral e abrindo unha porta que comunicase coa praza de Santo Domingo, centro de reunión de todas as carruaxes, polo carril Do Gato Mouro.

Esta idea materializouse nun proxecto elaborado en 1873 polo enxeñeiro de obras públicas señor Cascos no que se daban dúas solucións. Nunha delas partía a vía da praza de Santo Domingo, saíndo á rolda da Muralla ata atoparse co primitivo trazado da estrada, e a outra, continuando o da rúa de Bilbao, actual Xoán Montes, atravesando a do Progreso ata a rolda, solución que non se considerou aceptable.

Os peticionarios conformábanse coa apertura provisional, cubrindo con vigas e taboleiros a parte superior do adarve da muralla para que non se interrompese o paseo. Foi tanto o entusiasmo espertado pola obra que varios veciños comprometéronse a prestar cartos ao concello sen interese, para que as dificultades económicas non fosen un obstáculo na apertura. No mes de xaneiro de 1874, os ofrecementos alcanzaban os 15.000 reás.

Na sesión do 8 de xaneiro de 1874, o Concello acordou encargar ao arquitecto provincial Nemesio Cobreros y Cuevillas, o orzamento e os planos da porta e do tramo de estrada que enlazase a cidade coa estación. O día 16, o arquitecto remitía o seu traballo, unha porta historicista, e na sesión do día seguinte aprobouse, pero como o concello non contaba con diñeiro no orzamento para as expropiacións, acordaron consignar no presuposto adicional o que lle permitisen as demais obrigacións. Tamén convocaron aos veciños da praza de Santo Domingo para que achegasen cartos para iniciar as obras pois a locomotora chegaría en tres meses. Fixo as obras o contratista Manuel Arrieta, e foron recibidas en setembro de 1876.

Adxudicación dos terreos

Cando se fixo a Porta da Estación derrubáronse dous cubos. O 16 de marzo de 1918, o alcalde Ángel López Pérez decidiu reformarla, alegando que o demandaba o sentir popular. Para podela facer recorrería ao ingreso que obtivese o concello da concesión a particulares do uso temporal dos terreos ou solares que había a ambos os dous lados da porta por cincuenta anos, que se poderían prorrogar outros dez, pasando despois ao concello.

A concesión faríase en poxa pagando por cada terreo 8.000 pesetas e a renda anual de 25 pesetas. Os edificios había que facelos no prazo dun ano, serían de planta baixa e o concello facilitaría os planos. Non se podían destinar a cortes de animais, fraguas, fornos, materiais explosivos ou inflamables, servicios funerarios e a ningunha industria ou oficio repugnante ou que cheirase. O Concello acordou dar conformidade á proposta.

A poxa celebrouse o día 24, presentándose un só licitador, Jesús Bal y Roca, ao que lle foron adxudicados, pero o 25 de maio ampliáronlle o prazo a setenta anos. En 1929, sendo de novo alcalde Ángel López Pérez, pediu pagar 5.250 pesetas importe da renda dos anos de concesión a razón de 50 pesetas anuais polos dous terreos.