Goó aposta polo porco celta

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE/LA VOZ.

LUGO

A unica sociedade gandeira domiciliada no Inicio potenciará a comercialización

30 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O restaurante sarriao Litmar acollerá entre o 2 e o 12 de xullo unhas xornadas gastronómicas que serán a primeira presentación pública dos produtos da cooperativa Porco Celta O Incio, formada por dezasete veciños da parroquia de Goó. A entidade, creada hai dous anos, disponse a potenciar a comercialización da súa produción -ata agora limitada á venda particular de porcos vivos para cebar- e acaba de ser distinguida cun dos premios á cooperación que conceden a Consellería de Traballo e o Consello Galego de Cooperativas. Este galardón -na modalidade de premio aos valores cooperativos- será recollido o día 3 no pazo pontevedrés de Baión.

A fundación desta cooperativa gandeira supón «unha aposta ben arriscada nunha época de crise económica», en palabras do seu presidente, Carlos Gallego López. Pero os seus promotores entenden que hoxe «non queda outra solución» que unir esforzos e propiedades se se pretende desenvolver unha actividade produtiva no medio rural. «Individualmente é imposible facer nada que sexa rendible», engade Gallego.

A cooperativa é a única entidade de carácter agrogandeiro domiciliada actualmente no municipio do Incio. «Antes había unha cooperativa agraria, pero xa hai moito tempo que foi absorbida pola Cooperativa Lemos e desapareceu como tal», recorda Carlos Gallego. Os seus integrantes dispoñen de dúas fincas que suman arredor de corenta hectáreas e que se formaron unindo parcelas de moi diferentes formas e tamaños. Estes terreos contan cun peche común, aínda que por dentro manteñen as divisións tradicionais, e están cubertos en grande parte de soutos. Nestes espazos críanse actualmente cerca de douscentos exemplares de porco celta que viven constantemente ao aire libre.

Habilitar estas instalacións requeriu un investimento de máis de cen mil euros, dos que unha boa parte procedeu das axudas reguladas concedidas pola Xunta. O sistema empregado nesta explotación non conta co selo oficial do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica, pero -segundo afirma Carlos Gallego- trata de axustarse o máis posible ás práticas tradicionais de cría de porcos. «Os animais críanse en boa parte coa castaña dos soutos, que antes non había quen a apañase e era pasto do xabaril», explica. A alimentación compleméntase con pastos, patacas da Limia e un preparado a base trigo, cebada e chícharo. «Non metemos millo porque non nos fiamos dos transxénicos», apunta Gallego.

Crecemento lento

A vida á intemperie e o exercicio constante fai que o crecemento dos porcos resulte considerablemente lento. «Os animais poden tardar catorce ou quince meses en alcanzar un tamaño adecuado, non como os porcos criados en granxas industriais, que en cinco meses chegan aos cen quilos», comenta o presidente da cooperativa. A compensación desta lentitude -agrega- é a calidade da carne, «que non ten nada que ver coa de produción industrial, é un mundo totalmente diferente».

Despois das xornadas de Sarria, a cooperativa ten previsto organizar outra promoción similar en Monforte. Iso será cara ao outono. «Como estamos a medio camiño entre Sarria e Monforte -conclúe Carlos Gallego-, pensamos comezar distribuíndo o produto nestas dúas zonas e máis adiante queremos ir a outras parte de Galicia, porque non fixemos este esforzo para quedarnos parados».