Follas Novas, Novas Follas foi incluído entre os 10 proxectos Minom da Unesco

Carlos Vázquez LUGO/LA VOZ.

LUGO

Cerca dun milleiro de alumnos participaron nesta idea que debulla na obra de Rosalía de Castro e que conta co apoio da Rede Museística Provincial

16 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O proxecto Follas Novas, Novas Follas non para de medrar. Se en paga dunha folla de carballo tivera forma redonda sería como unha enorme bola de neve que vai sumando sinerxías, onde agroman as ideas e crecen os participantes, que xa vai preto do milleiro.

A última boa nova acaba de producirse trala súa inclusión entre os 10 proxectos que desenvolve a nivel mundial o Minom (Movemento Internacional para a nova museoloxía), un departamento integrado no Icom (Organización Internacional dos Museos e os seus profesionais) da Unesco.

Este recoñecemento vén de premiar a forma de traballo que está a desenvolver a Rede Museística que depende da área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo. Apláudese a temática que promove o diálogo entre culturas e tamén a maneira de espallala en rede a través da Internet. Supón darlle folgos a este novo facer que trata a museoloxía dende unha perspectiva contemporánea e social.

Pero isto non é todo. A propia Rede foi seleccionada para presentar unha comunicación sobre o mesmo proxecto no IVAM (Instituto Valenciano de Arte Moderno) dentro das Xornadas de Departamentos de Educación e Acción Cultural de Museos. Encarna Lago, xerente da Rede Museística e alma máter desta experiencia interdisciplinar, será a encargada de facer a presentación que ha ter lugar o día 29 de maio.

A fonte, ¿cal é a auga da que bebe este magno proxecto? A fonte de inspiración é a obra de poeta galega Rosalía de Castro. «Gardados estaban, ben podo dicir que para sempre, estes versos», así o explicaba a propia Rosalía (1837-1885) referíndose á escolma de poemas que viron a luz por vez primeira en 1880, Follas Novas.

Crítica co seu propio contido, a autora exclama no prefacio: «¡Vaia antre os vivos o que xa é, pola propia natureza, cousa dunha morta ben morta!». «Follas novas!, risa dame/este nome que levás,/cal si a unha moura ben moura,/branca lle oíse chamar.», así rezan os primeiros versos incluídos en Vaguedás e que dan título á obra.

As cousas teñen de ser como as fan as circunstancias, escribía ela. Así aconteceu que no Ano Internacional de Achegamento entre Culturas, a Unesco interpelara aos museos para que celebraren esta efeméride con actos que salientaran a educación en valores. E foi dese lóstrego que a Rede Museística decide desenvolver o proxecto que revolve no fenómeno da emigración. «Xa aló nos anos 60, a ONU falaba dos museos inclusivos, entendendo por tal que estes espazos abriran as súas portas a todos os estratos da sociedade, afastándoos dos conceptos máis reducionistas», subliña Encarna Lago.

A iniciativa vai, ao cabo, na procura dun achegamento formativo no tocante aos valores de igualdade de xénero, raza, sexo ou relixión, aunque no proxecto están asemade presentes outros tesouros como son o respecto ao medio ambiente e o fortalecemento da identidade colectiva. Valéndose do continente das aulas e dos museos, representa un ambicioso plan que, sen a axuda de importantes sumas económicas, intenta producir nos implicados unha reflexión que, dun xeito multidisciplinar, intergrupal e en rede -onde teñen cabida o vídeo e a radio que primeiro se grava e despois se emite-, pulula pola obra rosaliana canda o feito subliñado de ser Galicia un pobo emigrante que á volta dos tempos vén de coñecer a outra cara da moeda, desta volta a da inmigración.

Un antes e un despois

Houbo un precedente a este proxecto que foi o pasado 23 de abril, Día do Libro, cunha composición nas prazas das principais cidades galegas. Tratábase do proxecto Agora, os libros nas prazas, e tivo un rotundo éxito de participación. Ás urbes galegas engadiuse outra na capital arxentina onde, despois de parar na Casa Museo de Rosalía, viaxaron as simbólicas follas escritas. . Xa de volta, coas achegas dos nenos arxentinos artellouse unha exposición que vencellada ao Ano do Achegamento entre Culturas, deu comezo unha nova andadura que ten previsto rematar aló cara fin de ano.