Tras os pasos de Novoneyra

LUGO

O Consello da Cultura Galega creou unha ruta???dedicada ao poeta que discorre entre O Courel y O Cebreiro

02 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Consello da Cultura Galega acaba de editar no seu portal de Internet unha ruta turístico-cultural baseada na biografía e na obra de Uxío Novoneyra, a primeira que esta institución dedica a un autor contemporáneo. O itinerario foi preparado pola empresa especializada Etnoga, que contou coa colaboración da familia do poeta.

O roteiro comprende 29 lugares do Courel e do Cebreiro relacionados por diversos motivos coa vida e a obra de Novoneyra. «Moitos destes lugares foron escollidos por referencias literarias, é dicir, porque son mencionados explicitamente nos seus poemas», explica Carmela Sánchez, traballadora de Etnoga que participou na elaboración da ruta. Nalgún caso, a referencia procede doutros autores, como o poeta Manuel María, amigo persoal de Novoneyra, que nun libro de entrevistas falou das visitas que fixo con el á capela de San Román.

Outros lugares foron seleccionados por ter unha relación estreita coa súa vida ou por ter sido especialmente frecuentados por el. É o caso da súa aldea natal de Parada, do camiño que une este lugar con Seoane ou da aldea de Pacios, no Cebreiro, de onde era natural súa nai.

No itinerario figuran tamén algúns lugares non mencionados especificamente na obra do poeta, que foron escollidos por ser espazos representativos da historia e das tradicións do Courel. «Novoneyra falou nos seus poemas do castro de Brío, pero decidimos non incluílo na ruta porque é bastante difícil de localizar e no seu lugar puxemos o castro de Torre, que el non mencionou pero que é moito máis accesible aos visitantes por estar escavado e sinalizado», apunta Sánchez.

Outros sitios foron excluídos simplemente por non facer o itinerario excesivamente longo. «Tivemos que facer unha selección porque a idea consistía en deseñar unha ruta que puidese ser percorrida en coche en dous días e por este motivo deixamos fóra outros lugares que en principio podían ter formado parte do itinerario, como as aldeas de Seceda ou Hórreos», sinala Carmela Sánchez.