Coma un Pepe

Xulio Xiz

LUGO CIUDAD

Cando eu era pequeño, en Vilalba, adoitábase dicir que un se puñera «coma un Pepe», para significar que disfrutara dunha comida señorial.

Anos despois, en 1961, os Pepes vilalbeses, a iniciativa de Pepe Apenela, deron en facer festa anual na honra do seu patrón, creando escola e difundindo a mensaxe, nacendo Festas dos Pepes por Galicia adiante, a imaxe e semellanza da que en Vilalba ven de cumprir as súas primeiras cincuenta edicións.

Ben me houbera gustado en todo este tempo poder participar nesta festa vilalbesa como organizador ou oferente, pero para eso hai que ser Pepe e meus pais consideraron axeitado poñerme Xulio para contentar a miña madriña e Modesto polo nome do meu padrino. E eu, medio século langreando por non poder participar nunha das iniciativas de máis éxito que houbo na miña terra.

Nesto, que os organizadores do cincuenta aniversario me chaman para predicar na ceremonia de entrega de medallas ós presidentes anuais da celebración, e cumpro un dos meus anceios confesables falando no auditorio vilalbés sobre os pepes, para os pepes e as súas familias, na festa dos Pepes.

Por si fóra pouco, ó final, entréganme unha medalla dos pepes ó meu nome como se tivese sido presidente nalgunha ocasión, e saín do acto portando orgulloso distinción nunca soñada.

E daquela comprendín exactamente como é «sentirse coma un pepe», sen ter comido de xeito especial. Hai cousas que alimentan máis ca unha comida pantagruélica, e os seus efectos satisfactorios duran para sempre.

Agora xa poido dicir sen mentir: «Ola, son Pepe. Son vilalbés. Son dos Pepes de Vilalba». Gracias, amigos.

redac.lugo@lavoz.es