Recoñece que a súa nenez tería sido outra noutro escenario, e engade que aquel ambiente estimulou o seu espírito de loita
12 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Campello explica que o título da obra, que se presenta mañá -Escola habaneira, seis e media da tarde-, ten un claro vencello cun lugar concreto. Esa terra que se cita, ¿é a Terra Chá? «No meu caso, si. Pero podería ser de calquera terra. Para min, é un libro que fala da identidade. No meu caso, a identidade vai ligada coa natureza, coa aldea onde nacín», di.
Porén, esa presenza dun mundo que pertence ao pasado da autora está escrito, como ela afirma, nunha linguaxe «moi actual»: explica que ao ler o libro se comprenden ben os significados que tenta transmitir, e engade que mesmo os que non forman parte dese territorio, tanto no sentido físico como espiritual, poden percibir o que hai no fondo.
A autora deixou a súa parroquia natal, Labrada, aos catorce anos ao marchar estudar, primeiro a Ferrol e logo a Madrid. Volveu a Galicia, de novo a Ferrol, tras rematar os estudos de Traballo Social, que logo completou cos de Socioloxía. Arestora vive na Coruña.
-¿Segue aínda en pé ese mundo que coñeceu e que formou parte da súa vida?
-É un mundo que permanece nas persoas. Quixen deixar ese testemuño aos meus fillos, o testemuño dun mundo que vai desaparecendo.
-¿Como o recorda?
-Hai de todo. Pero é algo positivo, porque é parte de min e da miña infancia. Hai unha parte negativa do campo, que desbotei.
-¿Sente que era unha vida dura?
-Éo dende o punto de vista de agora. Esa dureza faite máis sensible, máis próximo ás persoas e aos animais. A parte negativa é que tamén tes menos oportunidades. Por exemplo, recordo que non me gustaba ter que traballar, fronte ás miñas compañeiras, que tiñan máis tempo para estudar. Pero son unha persoa positiva, e iso fíxome máis sensible e máis forte. Ou saes para adiante ou te quedas: e saín para adiante, transformeime en positivo.
-¿Percibe que todo ese pasado aínda forma parte de vostede?
-Son como son por ese motivo: crieime en contacto cun mundo rural. Sería distinta se a miña nenez fose doutro xeito. Para un neno, medrar no rural é fantástico. No meu caso era a liberdade, o vagar, o non ter medo... Ninguén nos preguntaba onde iamos... Esa liberdade vai moito comigo; e a natureza como forma de enerxía é algo moi presente en min.