| O pazo monfortino conserva numerosos recordos do poeta courelao, que o visitou con frecuencia
O Pazo de Tor, o escenario elixido pola Deputación para organizar os seus actos de homenaxe a Uxío Novoneyra, foi un lugar importante na vida do poeta courelao que protagoniza o Día das Letras Galegas deste ano e conserva numerosos recordos seus, entre as que figuran diversos manuscritos e abundante material gráfico non divulgado ata agora.
Aínda que esta circunstancia non é hoxe moi coñecido en Monforte, Novoneyra residiu como convidado en Tor en numerosas ocasións, principalmente nos veráns. O poeta foi compañeiro de instituto de Fernando Taboada Zúñiga, irmán da última propietaria do pazo, María Paz -quen á súa morte legou o edificio á Deputación-, e mantivo unha estreita amizade con esta familia durante toda a súa vida.
En Tor consérvanse numerosas cartas que dan testemuño desta relación, pero a Rede Museística Provincial -responsable da xestión do pazo- desbota por agora a posibilidade de publicalas, dado o carácter privado e íntimo destes textos.
Os arquivos do pazo gardan tamén outros manuscritos de Novoneyra, estes de carácter puramente literario, entre os que hai textos xa publicados e outros inéditos.
Entre estes últimos figura un poema dedicado ao propio pazo que a Deputación ten previsto difundir en follas impresas o 17 de maio entre os visitantes da súa rede museística. Unha frase extraído deste poema -«Sombras do sono no bosco»- será empregada precisamente como lema das actividades que desenvolverá o organismo provincial con motivo do Día das Letras Galegas.
Textos inéditos
Outros textos inéditos de Uxío Novoneyra conservados en Tor son poemas dedicados aos antigos donos do pazo e a outras persoas relacionadas con el. A Deputación -segundo explica Encarna Lago, xerente da rede museística- estudará publicar estas pezas literarias.
En Tor, por outro lado, consérvase tamén un bo número de fotografías inéditas tomadas durante as estadías de Novoneyra. Unha delas é a que se reproduce sobre estas liñas, na que o escritor está acompañado por María Paz Taboada. No edificio gárdase ademais unha serie de exemplares dedicados das primeiras edicións das súas obras.
Esta pouco coñecida relación de Uxío Novoneyra con Tor será divulgada polo organismo provincial nos diversos actos de homenaxe ao poeta que organizará ao longo deste ano. Entre outras iniciativas, a rede museística xa gravou unha serie de vídeos con declaracións de diversas persoas que foron testemuñas das estadías do poeta no pazo monfortino e que poderán ver os visitantes do edificio histórico durante os próximos meses
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios