O Concello de Lugo entregou os premios do certame de contos e relatos curtos Trapero Pardo
LUGO CIUDAD
O alcalde de Lugo, José López Orozco, e a concelleira de Educación, Dolores Vieiro, entregaron onte os premios do décimo quinto certame de contos e relatos curtos Trapero Pardo, organizado polo Concello de Lugo. Os gañadores repartíronse un total de 860 euros en premios.
O concurso conta don dúas categorías. Na primeira, que estaba dirixida a nenos de 12 a 14 anos, o primeiro premio foi para Iris González Rivas, do IES Basanta Silva, de Vilalba, coa obra «Cadaleito de materia escura». En segundo lugar quedou María Elena López González, do colexio Nosa Señora da Asunción, de Sarria, con «Pons Minae»; mentres que o terceiro posto foi para Aitor López Arello, do IES Perdouro de Burela, con «A chusca dos meus ollos».
Na segunda categoría, para rapaces de 15 a 18 anos, resultaron premiados: en primeiro lugar, Brais Lamela Gómez, do IES Basanta Silva, de Vilalba, coa obra «O pozo prohibido»; en segundo lugar, Lucía Barrera López, do IES Perdouro de Burela, con «Naquela noite de San Xoán»; e, en terceiro lugar, Noelia Martínez Rey, da facultade de Ciencias da USC, con «Un verso do poema».
O certame foi creado hai 12 anos en homenaxe ao xornalista e escritor lucense, quen ademais, entre outros cargos, foi cronista oficial de Lugo.