Xenética Fontao realizou máis de 17.000 probas de identificación xenética para Conafe desde o 2005

La Voz

LUGO

A Confederación de Asociacións de Frisona Española (Conafe) e o Laboratorio de Xenética Molecular de Fontao estableceron no ano 2005 un convenio co obxectivo da realización de probas de ADN en animais inscritos no Libro xenealóxico da raza bovina frisona en España, con vistas á asignación/exclusión de paternidade e/ou maternidade, mediante a análise dun panel de 17 microsatélites aceptados internacionalmente pola Sociedade Internacional para a Xenética Animal (ISAG).

Como resultado do traballo realizado no marco deste convenio, ao longo destes últimos catro anos, no Laboratorio de Xenética Fontao en Lugo realizáronse máis de 17.000 probas de identificación xenética a animais desta raza bovina, pertencentes a 2.750 ganderías localizadas por todo o territorio nacional. Estas probas empregáronse para a realización de análises de parentesco (filiación paterna e/ou materna) e tamén para a creación dun banco de ADN de cara a actuacións futuras.

Onte tivo lugar na capital luguesa a renovación do convenio entre ambas entidades. Os seus representantes recoñeceron tras asinar o acordo que «a realización das probas xa feitas e as que se planifican realizar no marco desde novo convenio constitúen un elemento fundamental na consecución dos obxectivos fixados por Conafe dentro do esquema de selección e mellora da raza bovina frisona en España». Na sinatura do convenio tamén participou o director xeral de Producións Agropecuarias, José Álvarez Robledo.

Seguridade e fiabilidade

Desde Conafe manifestan que as principais organizacións técnicas e executivas da raza frisona a nivel mundial coinciden na esixencia de poñer medios para lograr unha correcta identificación dos animais e dos seus produtos. A propia Conafe, no regulamento que establece sobre os requisitos complementarios para o rexistro dos animais da raza frisona, ten unha normativa específica para a realización de probas de filiación (paternidade e maternidade), co obxectivo de determinar a seguridade e a fiabilidade da información xenealóxica do Libro da raza frisona, básicas para incrementar a calidade e confianza do mesmo, así como para a aceptación de intercambios de liñaxe entre os distintos libros xenealóxicos mundiais.

Como resultado do estudo dos marcadores xenéticos moleculares nas diferentes especies domésticas, o Laboratorio de Xenética Molecular de Fontao veu desenvolvendo ao longo destes últimos anos numerosas aplicacións prácticas nos programas de mellora xenética.

Técnicos deste laboratorio explican que «os marcadores do ADN que se analizan para a realización das análises de identificación xenética son os microsatélites. Estes marcadores, seleccionados das listas propostas pola ISAG e a FAO, son particularmente apropiados para este tipo de probas polas súas propiedades. A comparación dos perfís xenéticos obtidos da análise dos microsatélites de ADN entre individuos son a base da metodoloxía empregada para a realización das análises de filiación. Estas son probas xenéticas que se utilizan para comprobar o pedigrí dos individuos. Confirmar a ascendencia dun animal garante o seu valor xenético, e polo tanto o seu valor económico».