O abandono das aldeas de Chantada chega ao cine co segundo filme de David Vázquez

LUGO

27 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Os intensos chuvascos da pasada fin de semana entorpeceron un pouco a filmación de As almas do Fental , a segunda curtametraxe que dirixe o realizador chantadino David Vázquez, que se levou a cabo na parroquia de Santiago de Arriba. «Tivemos que cambiar a planificación da rodaxe por culpa da chuvia, pero puidemos rematar o traballo sen problemas», explica o director, que espera estrear o filme nas próximas festas de Chantada.

O único intérprete da curtametraxe é o actor Fernando Morán, coñecido polos seus traballos en series televisivas como Matalobos , Padre Casares ou As leis de Celavella e nos filmes Pradolongo e Os mortos van á presa . O seu papel é do último habitante dunha aldea que está a punto de quedar deshabitada. David Vázquez e a guionista Elena dos Santos sinalan a este respecto que a súa intención é «recrear a vida de calquera persoa en calquera aldea de Galicia» e facer reflexionar sobre a desaparición da forma de vida tradicional do rural galego partindo dunha situación moi común desde hai décadas.

O director sinala ademais que o seu novo filme -producido pola recentemente creada asociación Airoá Comunicación e a firma Chantada Comunicación- será «unha obra reivindicativa» ao igual que o seu anterior traballo, Empantanados , que abordaba a desaparición das comunidades rurais provocada pola construción de encoros. As almas do Fental , engade o cineasta, inspírase nunha realidade que afecta a moitas comarcas do interior de Galicia e tamén á Ribeira Sacra. O feito de levar a cabo a rodaxe en escenarios reais da zona axudará, na súa opinión, a impregnar o filme dunha realidade moi próxima e a «conmover ao espectador ante a falta de habitantes das nosas aldeas».