Alumnos de Taboada participan nun obradoiro literario impartido por Carlos Vázquez

La Voz

LUGO

Unha trintena de alumnos de quinto e sexto de Primaria do colexio de Taboada participaron este mes nun obradoiro de creación literaria impartido polo escritor e xornalista Carlos Vázquez González. A actividade é unha das moitas que desenvolve a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) a prol do idioma galego. O escritor de Láncara mesturou a escrita e a lectura coa exposición en público. «A escrita e a lectura son unha arma fundamental para enfrontarse ás dificultades cotiás. Canta máis soltura haxa nisto maior é a capacidade de reflexión e máis autonomía se gaña», afirmou Carlos Vázquez.

Unha das actividades que máis lles gustou aos alumnos foi recabar dos seus pais os refráns que en tempos razoaban condutas e sinalaban, por exemplo, cando había que realizar as labores do campo. Partindo desa premisa, os cativos crearon un conto.