A voz de Harrison Ford e Robert de Niro, e «o fillo da veterinaria»

La Voz

LUGO

12 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Vinteoito anos lle leva o actor Luis Iglesia Besteiro (Riotorto, 1962) a Dani Lago Barreiro (Rábade, 1990). Sen embargo, as súas carreiras artísticas tiveron un punto de inicio común: a influencia que tivo neles Celso Manuel Matalobos, profesor do IES Lucus Augusti de Lugo, antigo Masculino.

Grazas aos seus consellos, o primeiro deixou atrás a súa etapa «renacentista» para facer unha proba como actor de dobraxe. «Entón estaba en Lugo estudando Administrativo, pero máis ben cantaba, tocaba a guitarra en locais, escribía, actuaba..., facía un pouco de todo», lembrou. Nos últimos 22 anos, a súa voz ten sido a de Harrison Ford, Robert de Niro, Mel Gibson e mesmo a do gato Garfield, entre outros moitos. «Ía para banqueiro e metinme titiriteiro», sorriu Iglesia, que tamén forma parte da compañía de teatro Volta e Dalle. Na televisión foi «o da cooperativa» en Terra de Miranda , ademais de intervir en capítulos de Libro de familia ou Hospital Central .

Estudante de Veterinaria

A Dani Lago non lle deu clase Celso Matalobos, pero si coincidiron no instituto. «Estaba no programa 'Entre nós, en galego' e sempre me animou co teatro, a actuar», indicou o mozo. O seu primeiro papel foi como «fillo da veterinaria» en Terra de Miranda . Cousas da vida, con 18 anos cursa primeiro curso de Veterinaria no campus de Lugo, onde tamén participa na Aula de Teatro.