O programa Initia e o proxecto granxafamiliar.com, premiados polo seu carácter emprendedor

La Voz

LUGO

29 mar 2009 . Actualizado a las 03:00 h.

Prestar asesoramento científico-técnico á comunidade terapéutica de Proxecto Home na creación e mantemento dunha pequena piscifactoría de troitas situada nas instalacións que a entidade ten en Cernadas-Portomouro (Val do Dubra) é o cometido dun innovador proxecto liderado dende a Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con e que a cátedra Jaime Vera da USC vén de recoñecer co primeiro premio do seu concurso de accións sostibles de emprendemento social. O xurado valorou entre os 26 proxectos presentados o carácter pioneiro dunha iniciativa promovida polo profesor Fernando Cobo que presenta unhas indiscutibles vantaxes introducindo por vez primeira en terapia a utilización de peixes.

O segundo premio recaeu no programa Initia, que dirixe o profesor do campus de Lugo Urbano Fra Paleo e que busca iniciar na actividade investigadora aos alumnos e alumnas de ensino secundario. Esta iniciativa, que comezou no curso 2007-2008 con oito alumnos de catro centros de ensino secundario da cidade luguesa, duplicou neste curso a cifra de participantes. A actividade desenvólvese nos laboratorios e centros de investigación do campus lugués onde os escolares son titorizados por unha decena de profesores e investigadores universitarios.

Apadriñar adolescentes

Canalizar parte do movemento de voluntariado da USC para transformalo nun factor de protección para adolescentes en risco de inadaptación social é a pretensión do programa Padriñazgo que, promovido pola estudante de terceiro ciclo de Psicoloxía Olaia Bajo, acadou o terceiro premio do concurso. Os voluntarios introduciríanse nas vidas deses adolescentes para establecer unha relación de confianza e fomentar a súa motivación.

Por último, o xurado decidiu conceder un accésit ao proxecto Granxafamiliar.com que dirixe o profesor Carlos Ferrás e que pretende impulsar o desenvolvemento social, económico e cultural no medio rural galego a través dun traballo directo coas familias produtoras na promoción dos produtos galegos de calidade que ofertan e que os clientes poden ver nas granxas. En Lugo, unha ducia delas xa se sumaron ao proxecto.