Xaquín Marín presentou onte en Lugo «O lecer de Isolino», un libro no que compendia 200 debuxos

La Voz

LUGO CIUDAD

27 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O debuxante Xaquín Marín, que leva dende 1988 publicando as súas viñetas neste diario, presentou onte na galería Sargadelos da capital luguesa o libro «O lecer de Isolino», que ten o mesmo título que a súa viñeta diaria en La Voz de Galicia e no que recompila 200 deses debuxos, agrupados polo autor nunha ducia de áreas temáticas, como «Vida, paixón e morte», «A lingua e outras peculiaridades ou «O medio ambiente que nos queda».

«O lecer de Isolino», obra que publica Edicións Embora, é unha simpática e fonda reflexión sobre o mundo desde o punto de vista dos vellos. Isolino, o personaxe principal dos debuxos de Xaquín Marín é dono dunha retranca propia de alguén ao que o sentido común non lle colle na cabeza. En opinión do debuxante, Isolino é «un home irónico, galego, maior, experimentado, filosófico, que lle dá bastantes voltas ás cousas, ao que lle preocupa a situación económica e a crise, como aos demais, pero que tamén ten problemas concretos, como a idade ou a tensión». Para o escritor Antón Cortizas, que asina o prólogo do libro «cada viñeta é unha lección de sabedoría, de humanidade, mesmo me atrevería a dicir que de filosofía, de ciencia da vida».