Unha obra de hai dous séculos, feita en plena guerra napoleónica

La Voz

LUGO

Hai agora 200 anos, en xaneiro de 1809, comezou a ocupación de Galicia polas tropas napoleónicas, presentes en territorio español desde o ano anterior. Este suceso histórico está ao parecer estreitamente relacionado coas orixes da ferrería de Seoane. A construción da vella fábrica siderúrxica, segundo reza unha inscrición que se conserva hoxe, terminou en 1810. A retirada definitiva das tropas francesas da Península non se producíu ata 1814, de modo que as obras foron levadas a cabo en pleno período bélico.

A tradición oral mantén que a ferrería foi construída por soldados franceses prisioneiros e que o seu primeiro cometido foi proporcionar ferro para armamento, se ben sobre esta cuestión non se fixo aínda unha investigación histórica detallada.

Á marxe da súa probable relación coa guerra napoleónica, a ferrería presenta un especial interese patrimonial por ser unha das mais grandes e mellor conservadas de España. A fábrica artesanal deixou de producir ferro a finais do século XIX, como sucedeu coas demais ferrerías lucenses, que non puideron competir cos altos fornos vascos que comezaron a funcionar nesa época. Durante varias décadas, non obstante, albergou unha pequena central eléctrica e unha serrería.