Julia Marqués deu a coñecer a súa última publicación nun acto educativo que se celebrou en Trabada
Julia Marqués Valea (Ría de Abres-Trabada, 1964), doutora en Filoloxía Galega e licenciada en Filoloxía Románica pola USC, ademais de responsable da secretaría da revista galega Eduga de Educación. Desde o 2005 é secretaria da Asociación Galega de Onomástica. Tamén ten publicado para secundaria o título A toponimia na escola . Presentou de modo informal no colexio de Trabada o libro Enredando nos topónimos con Rodari.
-Está editado por Política Lingüística e distribuído por Educación polos colexios galegos. Os exemplos que aparecen están feitos con topónimos de Trabada.
-¿Con que obxectivo preparou esta publicación?
-Trato de achegar a toponimia á aula de primaria dunha maneira lúdica. O libro estrutúrase en trece fichas, que empezan sempre cun texto do pedagogo Gianni Rodari. As fichas, que van acompañadas dun cedé, son editables polo que poden ser usadas para explicar a toponimia de calquera lugar.
-¿Como o estrutura?
-Podemos dividir as fichas en tres bloques. No primeiro bloque fixeime no significante e deseñei cinco fichas; sobre topónimos mancos, aos que lles falla unha letra ou sílaba; os topónimos en anacos, nos que falla máis dunha sílaba; erros creativos, cos que aproveito unha falta para entrar no mundo da fantasía e xogar; outra ficha sobre a bomba da fantasía, para facer chocar dous nomes 'En Sante caeu un elefante'; e a ficha de rimas con topónimos. No segundo bloque céntrome na morfoloxía e tamén o divido en cinco fichas, para repasar o lexema e o morfema, traballamos cos prefixos e coas palabras compostas, inclúe a ficha armario con encanto (o lexema representa o vestido, os zapatos o sufixo...) e unha décima sobre topónimos a cor, na que os alumnos teñen que traballar cunhas gafas. O último bloque ten dimensión lóxico-matemática leva un capítulo sobre unidades de medidas fantásticas, como o xogo dos pasos; outro sobre a matemática dos contos e outro de operacións matemáticas.
-¿Matemáticas?
-Sumamos e repasamos as sumas non exactas; restamos e quitámoslle letras a determinados nomes para que os nenos imaxinen, e economizamos con cadeas e refráns de topónimos.
-¿Canto tempo investiu en recabar material e preparar a publicación?
-O que máis tempo me levou foi elixir a estratexia. Eu xa contaba con moito material, que é unha fonte valiosísima, pero necesitaba unha estratexia orixinal.
-¿A quen está dirixida?
-Aos mestres de primaria e alumnos de entre 6 e 8 anos. Explico en cada unha das fichas o por qué, o contido e as solucións, ademais levan lecturas complementarias.
-¿Está satisfeita?
-Moito. Ademais, lembrando a Rodari, aos alumnos non se lles pode pedir que aprecien o pasado se non o senten como seu. Para sentilo teñen que coñecelo e que sexa significativo para eles. O fin do libro é que os escolares lle teñan aprecio ao que lles rodea, que coñezan os seus nomes e teñan significado para eles. E o procedemento para presentarllos é a través de enredos.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios