Rigueiro cre que «corremos o risco de que se estenda por Galicia unha praga mortal para os piñeiros, que xa está en Portugal
07 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Como profundo estudoso do sector forestal e como director do grupo de investigación de sistemas agroforestais da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, Rigueiro é na actualidade un dos grandes entendidos de todo o relacionado cos montes galegos, uns montes cunha grande importancia pola superficie que ocupan, pero que tamén padecen algún que outro problema.
-¿Que características definen a día de hoxe os nosos montes?
-En primeiro lugar destacaría o importante problema que temos de estrutura da propiedade, porque descontando unhas 600.000 hectáreas de montes veciñais en man común, o resto son montes de propiedade particular, que está moi fragmentada. Hai un importantísimo minifundio no terreo forestal galego, que dificulta crear infraestruturas e facer unha planificación e unha xestión técnica axeitada. Outro problema é a excesiva dependencia na produción de madeira de moi poucas especies, de crecemento rápido, sobre todo piñeiros e eucaliptos. Sería importante diversificar máis a produción forestal, fundamentalmente por razóns económicas e sanitarias. Eu non estou en contra de que Galicia produza madeira de especies de crecemento rápido, pero si creo que hai que diversificar máis e producir tamén madeiras de calidade, non destinadas exclusivamente para a industria de trituración, como se está facendo. Esa diversificación permitiría incrementar o rendemento dos montes. Un último aspecto a ter en conta é que no sector forestal galego se lle está dando un protagonismo case exclusivo á produción de madeira, sen prestar atención aos outros produtos que ofrecen os nosos montes, coma os cogomelos, o pasto, o mel, os froitos..., aos que non se lles está dando a importancia que merecen, sobre todo tendo en conta que nalgúns montes o valor económico destes produtos complementarios pode superar ao valor da madeira. E ademais dan un rendemento anual, algo que non ocorre coa madeira.
-¿A saúde dos montes galegos é boa ou hai especies que corren perigo?
-Desde o punto de vista sanitario, non podemos dicir que esteamos nun bo momento. Na actualidade, os nosos montes teñen ameazas importantes. No caso dos piñeiros, sobre todo do insigne, corremos o risco de que se estenda por Galicia unha terrible praga mortal para eles, o nematodo, que xa está no norte de Portugal. Outras especies, coma o eucalipto, están sendo atacadas por doenzas e pragas, como o gonipterus , que están causando grandes danos a unha especie que practicamente se consideraba inmune e resistente a todo. Nos castiñeiros, segue presente nalgunhas zonas a doenza da tinta e estase espallando o problema do cancro, mortal para esta especie. Polo que respecta aos carballos seguen acusando problemas de fungos. Polo demais, creo que temos que ver en conxunto o problema do quecemento global, que está afectando ás poboacións animais e vexetais. Estase producindo un cambio ecolóxico e no ecosistema, e iso tamén o están acusando os nosos montes, porque as circunstancias deixan de ser as propicias para eles. É por iso que irán reducindo a súa superficie e incluso nun futuro acabarán sendo substituídos por outros máis adaptados ás circunstancias climáticas que haberá dentro duns cantos anos. E non só iso, senón que determinadas pragas e doenzas atopan mellores condicións para espallarse nestas circunstancias climáticas. A isto habería que engadir outro feito preocupante para os nosos montes, xa que o cambio climático está propiciando que moitas especies foráneas, cultivadas por exemplo na xardinería, atopen as condicións idóneas para estenderse, invadindo os montes de Galicia.
-Despois de trinta anos de traballo arredor dos sistemas silvopastorais, ¿chegou o momento de transferir toda esa información aos produtores?
-Realmente ese era o paso que nos faltaba por dar. O de realizar a transferencia desas técnicas aos propietarios forestais para que as apliquen nos seus montes. E iso é o que se está facendo grazas a un convenio que asinamos coa Consellería de Medio Rural. Contamos xa con montes experimentais nas catro provincias galegas, nos que se están desenvolvendo experiencias piloto de sistemas silvopastorais. Estes montes servirán de escaparates para que a xente coñeza os resultados e para que vexa que se trata de sistemas que non son difíciles de manexar, que non supoñen grandes investimentos, que melloran o rendemento económico do monte, que reducen o risco de incendios forestais e que proporcionan beneficios a curto prazo. Todo isto irá acompañado ademais dunha serie de material divulgativo.
-¿É posible nos tempos que corren unha xestión forestal sostible?
-A iso é ao que se debe tender. En todo caso, hai que tratar de buscar unha xestión multifuncional, é dicir, que o monte cumpra axeitadamente unha tripla función: produtiva, ecolóxica e de conservación da natureza e social. O obxectivo é conseguir un manexo, un coidado e un traballo dos nosos montes de maneira que cumpran esa tripla función de xeito equilibrado, sen que unha das funcións asoballe ás outras.