O colectivo veterinario ou calquera outro profesional interesado poderá facer uso a partir da próxima semana do Vocabulario de morfoloxía, anatomía e citoloxía veterinaria , en galego, español e inglés, que vai ser presentado o vindeiro mércores e no que estiveron traballando nos últimos catro anos unha decena de profesionais.
A elaboración deste vocabulario xurdiu da proposta feita ao Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago por tres veterinarios, que contaron coa axuda de tres lingüistas e coa coordinación de Xusto Rodríguez Río, da Área de Terminoloxía do citado servizo de normalización. Todos eles traballaron de xeito interdisciplinario para garantir a calidade tanto lingüística como técnica do produto final.
Na confección do citado vocabulario, o labor dos veterinarios foi o de levar a cabo a escolla dos conceptos que se ían tratar, atribuíndoos á correspondente subárea da veterinaria. Pola súa parte, os lingüistas dedicáronse a estudar as propostas de nomes feitas polos veterinarios, a revisalas e a completalas co correspondente termos nas outras linguas.
Máis de 9.000 denominacións
Se se analiza este vocabulario atendendo á cifra de conceptos ou cousas ás que se lle dá nome, contén en total 2.715. Aínda que se o reconto se fai atendendo ás denominacións a cifra supera as 9.000. Isto explícase porque cada nome aparece nos tres idiomas citados, e nalgúns casos ata en catro, xa que aqueles que teñen unha denominación latina tamén se incorporou a este vocabulario. Por outra banda, hai conceptos para os que existe máis dun nome nunha mesma lingua.
Xusto Rodríguez quere deixar ben claro que non se trata dun dicionario, senón dun vocabulario, polo que nel non figuran definicións, senón o termo en cuestión, acompañado da indicación da súa correspondente área temática. Por poñer un exemplo, no apartado de osos, ao carón da palabra «fémur» aparece «anatomía perna».
Sen referencia a patoloxías
Outra precisión que fai o coordinador desta obra é que se trata dun vocabulario descritivo das áreas veterinarias de morfoloxía, anatomía e citoloxía. Nel non aparece nada que teña que ver con patoloxías ou enfermidades, apartado que podería dar pé nun futuro a outro vocabulario.
Os autores do Vocabulario de morfoloxía, anatomía e citoloxía veterinaria empezaron a traballar nel no curso 2004-2005. As sete persoas que levaron o peso da súa elaboración contaron con colaboracións puntuais, polo que se pode dicir que na obra participaron unha decena de persoas. Para Rodríguez Río o máis difícil deste vocabulario foi atopar as correspondencias en inglés para as cores que definen a pel dunha vaca ou para as formas das manchas da pel dos animais. Tamén lles resultou complicado atopar termos en castelán para a describir a disposición dos cornos de certas reses.
O vocabulario ademais da súa edición en papel estará colgado na web do Servizo de Normalización Lingüística da USC.