O PSOE de Quiroga critica a Julio Álvarez por ter alugado un local á empresa Aqualia

La Voz

LUGO

15 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A agrupación local do PSOE de Quiroga cualificou de «infracción» o feito de que o alcalde Julio Álvarez teña arrendado á empresa Aqualia, concesionaria do servizo municipal de augas, un baixo da súa propiedade que esta firma está utilizando como oficina e almacén. Os socialistas afirman que esta circunstancia contravén a lei de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas de 1984 e piden que Julio Álvarez cese a súa relación mercantil con Aqualia.

O rexedor, pola súa parte, admite ser propietario do referido local, situado na rúa Quiroga de Argentina, pero afirma que non lle consta que este feito supoña unha vulneración da lei. Álvarez anunciou por outra parte que encargará inmediatamente aos servizos xurídicos municipais que investiguen se hai efectivamente incompatibilidade e indicou que, de ser así, rescindirá o contrato que ten establecido a título personal coa concesionaria. «De todas maneiras, ese local está arrendado desde hai cerca de catro anos e en todo este tempo os concelleiros do PSOE non dixeron nada a ese respecto», puntualizou.

Os socialistas consideran que o feito de que Álvarez manteña esta relación con Aqualia «pode impedir ou menoscabar o estrito cumprimento dos seus deberes ou comprometer a súa imparcialidade ou independencia nas decisións que a respecto da empresaria concesionaria ha de tomar como alcalde».