«No rural vívese hoxe mellor ca nunha cidade»

LUGO

Defende o carácter festivo da malla de mañá, pero engade que é tamén unha promoción dun xeito de vida

16 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A Asociación de Amigos da Feira ten máis de 150 socios e un claro obxectivo, a dinamización de Castro de Rei. A malla, que terá lugar o vindeiro domingo e que mañá vivirá os preparativos da meda, é unha das principais iniciativas deste colectivo. Castro, de 34 anos, presídeo dende hai varios meses.

-¿Que ten de singular unha malla como a de Castro de Rei?

-Faise un traballo como se facía antes. Comézase pola sega; déixase na leira unha semana, nos medeiros; chégase á vila, e faise logo a meda, e despois, a malla. A malla é coma antes, trátase de que sexa todo igual. O palleiro queda quince días ou un mes para que se vexa; noutras, ao tempo que se malla estase recollendo. Dispoñemos de moita xente que colabora, e iso permítenos facer moitas cousas, porque se non, habería que recollelo todo xa o mesmo día: faríase a simulación da malla pensando xa en recoller.

-¿É a malla unha chamada de atención sobre o mundo rural ou trátase só dun simple espectáculo representado?

-Cando se comezou, tratábase de involucrar á xente maior, de que recordase os tempos de antes: traballabas máis, pero eras máis feliz. Agora mestúranse as dúas cousas. fas unha festa e revives outro tempos, que non eran mellores nin peores senón outra forma de vida. Hoxe organizas unha malla, e sabes que vas xuntar 300 ou 400 persoas.

-Para unha persoa que veña de fóra e non coñeza de preto o mundo rural e o proceso que se fai co trigo, ¿resulta ameno e didáctica a festa?

-Eu creo que si. Á xente gústalle ver cómo se traballaba antes. Chama moito a atención todo o proceso. E tes a comida, tes música...: pasas un día agradable.

-Ademais do lúdico, ¿vale a festa para advertir que aínda hai futuro no medio rural?

-No mundo rural pódese vivir mellor ca nunha urbe, sobre todo hoxe. Podes botar trigo e comer pan da casa sen o traballo de antes; hoxe tes facilidades de maquinaria que che permiten iso. Eu creo que no rural se vive mellor hoxe ca nunha urbe.

-¿É esa unha das principais apostas da asociación?

-O que se quere é revalorizar isto, que as vilas non se acaben, que as tradicións pervivan... É un dos nosos obxectivos: que a malla vaia para arriba, pero tamén que Castro de Rei sexa máis coñecido.