Os danos que está a causar un parque eólico nunha zona protexida dos municipios de Friol e de Guitiriz motivou as queixas de asociacións ecoloxistas e culturais, que veñen de solicitar da Xunta a revisión da declaración de impacto ambiental de dito parque.
Así o pon de manifesto Adega nun comunicado feito público onte: «Iniciadas as obras para a construción do parque eólico da Cova da Serpe, ubicado nos concellos de Friol e Guitiriz, comprobamos que un dos muíños vai ubicado no mesmo borde da pena Furada ou cova da Serpe, o que implica a desaparición do elemento xeolóxico que da nome a toda a serra e que, en aplicación da Lei do patrimonio cultural de Galicia, constitúe un elemento patrimonial protexido».
Segundo a citada organización ecoloxista o que máis chama a atención é que a cova da Serpe, que figura como elemento protexido nas normas subsidiarias do Concello de Friol, nin sequera apareza citada no informe técnico de prospección arqueolóxica do estudo de impacto ambiental, cando, en cambio, se inclúe en dito informe como elemento patrimonial a protexer, coa consideración de arqueoloxía industrial, a escombreira dunha canteira de recente explotación. Adega incide tamén en que, «dende o Concello de Friol, que outorgou a preceptiva licenza municipal das obras do parque, non advertisen da protección desta pena da cova da Serpe ou pena Furada.
Presentación dun escrito
Tanto este grupo ecoloxista como a asociación cultural Cova da Serpe, de Friol, consideran que, «de ningunha maneira se pode permitir a desaparición deste elemento do patrimonio cultural que dá nome a toda a serra». Por todo elo presentaron un escrito ante a delegación provincial da Consellería de Innovación e Industria para que solicite da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación de Impacto Ambiental a revisión de dita declaración no sentido de garantir a protección da pena Furada ou da cova da Serpe, eliminando ou trasladando o muíño número sete do parque eólico.
Piden tamén que, por unha parte, como medida cautelar entre tanto se procede á revisión da declaración de impacto ambiental, se dirixa á empresa construtora do parque para que se absteña de realizar calquera obra que poda afectar a esta zona; e, por outra, que dende a delegación de Innovación e Industria se dea traslado destes feitos á delegación de Cultura para que, en aplicación das súas respectivas competencias en defensa do patrimonio cultural, proceda a ordenar as medidas oportunas para impedir a súa destrución.
Ademais disto, Adega cre que se está incumprindo a declaración de impacto ambiental no que respecta á protección do patrimonio cultural «xa que a pista central do parque pasa a menos de tres metros dos restos dunha das mámoas. E outro tanto ocorre co patrimonio natural comprobando a existencia de hábitats prioritarios innecesariamente afectados pola obras de construción do parque eólico».