As escavacións permitirán consolidar un barrio do castro de Viladonga

C. López

LUGO

No castro de Viladonga darán comezo mañá novas escavacións que darán continuidades aos traballos que se veñen desenvolvendo neste espazo de xeito ininterrompido dende o ano 2004. As actuacións continuarán durante máis de catro meses e estarán centradas fundamentalmente en dúas zonas do castro: a croa e un dos barrios centrais.

Neste segundo caso trátase dunha actuación de grande envergadura, xa que se vai proceder a consolidación completa dun barrio. O novidoso dos traballos é que en anteriores ocasións só se acometeran consolidacións parciais, que afectaban soamente a estruturas, mentres que neste caso vaise abarcar unha zona moito máis ampla.

Este será o primeiro paso de cara a posteriores escavacións que tamén irán encamiñadas ao asentamento de barrios enteiros. Trátase de traballos que dende a dirección do museo de Viladonga consideran necesarios para o mantemento e a conservación deste castro.

As actuacións previstas, que contan co financiamento da Consellería de Cultura, levaraas a cabo a empresa BIC que xa realizou traballos no castro de Viladonga en anteriores campañas. Nesta ocasión non terá lugar ningún campo de traballo durante o período estival, como si acontecera noutras fases das escavacións.

Anteriores resultados

Os últimos traballos levados a cabo no castro de Viladonga estiveron centrados no sector da muralla e da croa e permitiron novidosos resultados. No caso da croa, proseguiu a exhumación da vivenda atopada no 2006, que presenta unha tipoloxía rectangular de esquinas redondeadas. Esta tarefa permitiu recuperar máis dunha decena de bronces, tres anacos de vidro e algún fragmento cerámico.

O material arqueolóxico recuperado co derrubamento das paredes internas da vivenda está composto basicamente de terra sigillata , cerámica común, vidros de diferentes calidades e un total de 295 numismas de bronce. O pequeno tesouro desta construción acompáñase con parte dun cacharro. Neste sector quedou definido o camiño interior cara á ronda esquerda da croa, entre a nova construción exhumada e unha vivenda con vestíbulo que se está rematando de escavar.

Polo que respecta á área da muralla quedaron definidos ao longo de dez metros os paramentos internos dos muros que flanquean o acceso ao interior do recinto habitacional. Neste caso recuperáronse dous novos couzóns dunha nova porta, cunha peza lítica central circular cun rebaixe para encaixar un rastrel. Entre o material recuperado tamén se atopan cravos de ferros, parte dun muíño, anacos de tella e dous fragmentos de terra sigillata.