José María Díaz Torneiro (Baleira, 1960) é o presidente da Asociación Provincial de Taxistas de Lugo e Provincia. Unha profesión «na que se traballan moitas horas, e se recada moi pouco».
-¿O prezo do gasóleo é un dos maiores problemas do sector?
-Si, por suposto. A día de hoxe é o que máis nos preocupa. No mes de maio subiu un 20,9% e no que vai de quincena tres céntimos. A última vez que enchín o depósito do taxi paguei 104 euros.
-Pero os clientes son os que saen finalmente máis prexudicados...
-Nós subimos as tarifas un 2,5% a comezos do ano en relación co IPC xeral, non co IPC dos transportistas. Por iso, pedimos pagar menos impostos ou que nos ofrezan algún tipo de compensación económica. Os clientes son o consumidor final e claro que saen prexudicados, pero nós tamén.
-Con todo, ¿vostedes non se uniron á última folga dos transportistas?
-Non. Os taxistas madrileños tiñan convocada unha folga, pero ao final quedou todo en nada. E aquí en Galicia pasou algo parecido. Aínda que no noso caso, fomos nós quen optamos por non ir.
-Neste período de crise ou non crise, ¿diminuíu o número de usuarios?
-Non. Ata o de agora mantense o número de clientes. Ademais, os turistas non teñen moito peso entre a nosa clientela. Lugo é unha cidade de paso.