Novos achados do Paleolítico corroboran a riqueza arquoleóxica da área norte da depresión monfortina

BÓVEDA

15 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Unha nova prospección arqueolóxica realizada a fin de semana na parroquia de Valverde descubriu na superficie do terreo arredor dun centenar de útiles paleolíticos de pequeno tamaño, na mesma zona onde a semana pasada xa se localizara unha cantidade similar de artefactos. O achado, segundo os investigadores, corrobora o singular interese científico da zona norte da depresión monfortina, que xa se puxera de manifesto nas campañas levadas a cabo nos dous últimos anos.

O novo achado de Valverde rexistrouse nun punto situado a uns cincocentos metros en liña recta doutro xacemento que foi descuberto a pasada semana, este último ubicado na parroquia de Ribas de Altas, cerca do núcleo de Outeiriño. A uns douscentos metros deste punto están outros dous xacementos encontrados con anterioridade no lugar do Regueiral, na parroquia de Chao do Fabeiro. Outros importantes conxuntos de artefactos xa foran achados nos anos precedentes nas proximidades, en diversos puntos do Chao do Fabeiro e na parroquia de Ribas Pequenas, en Bóveda.

Unha concentración tan elevada de industrias paleolíticas nunha área de reducida extensión xa é un feito notable en si mesmo, pero o que outorga un carácter excepcional a esta zona -como xa indicaron os arqueólogos o pasado ano- é a circunstancia de que entre estes xacementos hai mostras das tres grandes etapas cronolóxicas en que se divide o Paleolítico.

Períodos diferentes

Segundo as estimacións feitas polos especialistas, os xacementos de Valverde e de Ribas Pequenas corresponden ao último período do Paleolítico superior e quizá poidan encadrarse xa nunha etapa de transición ao Neolítico, época que comezou hai uns 10.000 anos. Os xacementos do Regueiral parecen pertencer a unha época moi anterior a esta, o Paleolítico medio, que transcorreu hai entre 30.000 e 300.000 anos. Son, ademais, unha das escasísimas mostras deste período que se coñecen en Galicia. Os artefactos achados noutros puntos do Chao do Fabeiro e en Ribas Altas son aínda máis antigos, xa que corresponden ao período achelense, unha etapa do Paleolítico inferior que se desenvolveu hai entre 300.000 e 500.000 anos.

A enorme distancia cronolóxica que pode separar estes xacementos xeograficamente tan próximos entre si percíbese ao comparar os artefactos achados en Ribas Altas e Valverde. No primeiro caso, trátase de pezas formato grande, do tipo que os especialistas denominan grandes configurados, moi abundantes nas etapas máis antigas do Paleolítico. As industrias de Valverde, polo contrario, pertencen a unha época moito máis evolucionada e consisten sobre todo en pezas pequenas -ás veces minúsculas-que foron talladas finamente mediante unha sofisticada técnica.

O feito de que esta zona albergue unha concentración tan importante de xacementos de períodos moi diversos da prehistoria, segundo opinan os científicos, se debe seguramente á súa situación estratéxica entre as depresións de Monforte e da Somoza Maior. Este pequeno territorio repartido entre as parroquias de Ribas Pequenas, Valverde, Chao do Fabeiro e Ribas Altas foi seguramente un lugar habitual de paso de animais entre ambas zonas xeográficas e por tanto debeu de resultar especialmente atractivo para os asentamentos humanos.